Feeds:
Anotacións
Comentarios

Tempo despois

Tempo despois

Berraron as pedras da secuestrada Torre,

erguéronse as herbas ao pé do Guerreiro.

Tempo.

Noites de lume,

ilexítimo candado,

fuxida Mass Media.

Tempo.

Ilusións ao ermo,

sabor do interior,

letras amigas.

Despois, tempo.

Contaba miña avoa que cando era unha pícara, nas noites de fiadeiro do Rodicio, os máis vellos do lugar terminaban sempre por contar a lenda da princesa moura coxa.

Disque os vellos explicaban a quen os quixese escoitar, e ao que non tamén, que moitos anos atrás até o lugar que hoxe coñecemos como as Piniñas acudía tódalas mañás unha rapaza de incomparable beleza para peitear os seus cabelos. Alí, sentada nunha das rochas desde as que se enxerga todo o Val de Maceda, botaba horas e horas mirándose no seu espello de ouro e sendo observada polos veciños do lugar, que mesmo estando acostumados a vela, non se atrevían a se lle achegar, pois todos no Rodicio sabían que aquela fermosa rapariga era unha princesa moura.

Mais coma dicían os vellos non todos os que van a feira compran nela, e do mesmo xeito tamén había un mozo que tódalas mañás pasaba coas ovellas e saudaba moi gostoso á moura. Co paso do tempo eses saúdos deron en amizade, e a amizade, como sempre acontece nestes contos, rematou en namoramento. Os dous ficaban así contentos: el por conseguir namorar a tan rica e fermosa muller; ela por ter namorado ó único rapaz que ousara dirixirse a ela.

Un día chegou ós ouvidos do pai da princesa o que estaba a acontecer. Inmediatamente fíxolle saber ó mozo que lle quitaría a vida se voltaba a encontrarse coa súa filla, pois era vontade e disposición persoal súa, que a súa filla se comprometese cun rico príncipe mouro. Ademais, como el ben debía saber, os amoríos entre dous sangues, posicións e culturas tan diferentes estaban prohibidos entre os seus.

Os dous namorados non fixeron caso e continuaron véndose tódalas mañás, entón o pai cumpriu a súa ameaza.

Cando a princesa comezou a botar en falta ó seu namorado toleou, quixo quitarse a vida e tirouse da peneda dos seus namoros embaixo, con tan mala fortuna para a súa alma, que só esmagou unha perna. Os mellores galenos do reino non lograron salvar a delicada perna e a princesa perdeu o seu prezado sustento. Nunca máis voltou a ser feliz, nunca máis voltou namorar doutro home e aínda hoxe, no lugar do Rodicio, se di que todas as mañás acode á cita co seu namorado.

É por iso que se vos achegades ata as Piniñas poderedes ver a peneda onde aínda continúa a sentarse a princesa moura coxa, e comprobaredes como de tanto pousarse naquela pena, a súa perna coxa xa ten feito un buraco na rocha para poder sentar ben cómoda… agardando polo único rapaz que ata hoxe se atreveu a falarlle.

 

Aquí tes axuda por se queres ser o seguinte en falarlle á princesa moura coxa.

Entrei no mundo de David Rubín pola porta de atrás, co ritmo de Lamatumbá batanando nos meus oídos e os berros de Lume! iluminando a rota oceánica que conduce ó seu universo de papel tintado.

Pasar cara dentro de La tetería del oso malayo foi toda unha experiencia: coñecer a Sigfrido, deixarse arrastrar polos seus sabios consellos de psicólogo feito a si mesmo por amarguras, rabias e frustracións lanzadas dende o outro lado da barra; compartir licores varios con personaxes rotos, heroes sen heroína á que sacar de apuros, amantes forzados a esquecer o que significa amar; descubrir que un non é o único, nin sequera o último, nesta carreira que nos arrastra cara a construción da nosa propia vida…

Agora tódalas semanas fago De tripas corazón e doume un paseo á beira do seu torrente de tinta e das paredes do meu cuarto colgan heroínas de tinta ás que a morte pilla por sorpresa… ademais o meu amigo vermello da Laponia xa ten no seu peto o encargo do próximo Caderno de Tormentas

Lotaría Nadal 2008

Reunidos na vila catalá de Sort tódolos mentalistas, bruxos e bruxas, adiviños, futurólogos, meigas (“haberlas haylas”)… e demais entes de todo o planeta que todo o saben, ou queren saber, decidiron por unanimidade que o número que vai saír premiado este ano no Sorteo de Nadal vai ser o 46.599, corenta e seis mil cincocentos noventa e nove.

Casualmente o Club Deportivo Maceda, entidade coa que servidor anda enleado ultimamente, ten en posesión o prezado número. Segundo recentes novas ás que puiden ter aceso, de seguir o ritmo de vendas actual apenas han quedar décimos para a vindeira semana…

Tamén casualmente, hai varios locais en Maceda que teñen aínda os cobizadísimos décimos á venda; Café Bar 2000, A Taberna, O Pincho,  A Cepa, Bar Plaza, A Cervexería, Cafetería Castillo, Bar Rufas, Restaurante La Diligencia, Estación de Servicio Maceda.

Nota para despistados, moi despistados: calquera semellanza coa realidade… é puro azar. Toda a información anterior non é máis que un xeito de lembrarche que aínda temos lotería (San Google tamén ten que traballar) do Club Deportivo Maceda e de darlle as grazas ós locais que están colaborando na súa venda. Pois iso, moitas grazas.

Palabra de Don Ramón

As maus do Cristo

Entre as vilas ourensáns, Maceda disfroita dun incomparable hourizonte de montanas. Rubindo dos vales baixos e quentes onde o sol do vran vai criando ca súa misteriosa alquimia os zumes da uva, deixando os cotos cobertos pola enxoita pínica i o tremor dos amieiros encol do derradeiro salaiar das correntes que morren no Miño, figura que chegamos a outro mundo de espalladas chairas, de aires galopantes de cumes, de augas virxes e rexos vivires montesíos. E o mesmo tema do paisaxe natural e humán da Galiza istromentada an andante sinfonía pastoril.

En Maceda a vista vai apalpando con ledicia a carne de pedra da serra forte, sinxela, indiferente, mais pra que a mira con amor e comprensión, sensetiva e delicada, pois sabe recoller o pasar dunha nube máis levián, xoga tódalas mañáns cas brétemas saudosas do abrente, e de súpeto no centileante raiolar das doce, cando tódolos fumes campesíos reben como orazós i as longas badeladas das eirexas va cobrindo de circos vibradoiros o paisaxe, a serra ispirada por unha grave ensoñaceón cósmica enruga o entrecello e viste o frente de néboas cavilosas. No inverno a serra branca de neve déixase recorrer pola súa pureza irmán do luar e na primaveira aserra canta cas mil voces, en coro, dos regueiros. Ó pe dos montes a gandra erma e penitente soilo se anima co ledo barroquismo do santuario dos Miragres e co levián frorecer das ericas.

No outono da vila o castelo arróinase mainamente. Xa a rexa porta feudal non impón respeto a ninguén i as vexetaciós da campía ínzanse ceibes entre as xuntas das pedras. Soilo unha grande lembranza histórica: a de Alfonso o décimo de Castela, León e Galiza. O supremo esprito da Edade Media pra quen foron estreitos os marcos dos reinos de S. Fernando pois era merecente da augusta coroa ecuménica do Sagro Humano Imperio. O maltratado por tódolos historiadores da vista baixa polo estilo co cativo clásico da historia que se chamou Juan Mariensa, polos que non souperon estimar a fondura do autor das “Partidas”. Eiquí, niste castelo, foi criado. Seus xogos de neno animaron este homilde chan, que agora pisamos. Seu ollar adeprendeu fortaleza i espranza na exempraridade da cabeza de Manzaneda, i eiquí bebeu nas fontelas da língoa galega, armoñosa e sotil, xogantina e manciñeira pra nela traballar os poemas queridos do seu corazón: as Cantigas de Sta. María.

As montanas i o Rei Sabio son grandes presenzas. Hai outra que no seu simbolismo impresoa máis fondamente. No outo do feiral érguese un cruceiro. Parece nado e frorecido, como un albre do penedo. Arredor do fuste elegante, do requintado capitel, dos brazos da cruz, a escultura traballou a historia do pecado, a traxedia da Pasión i a dor da Virxe Nai. Coma noutros santos cruceiros galegos, bretóns, irlandeses. Mais niste de Maceda unha chispa do ceo trazando súa serpe de centela, desfixo ó Cristo crucificado. Soilo ficaro as maus de pedra cravadas á pedra da cruz, i alí están pra sempre as probiñas, tráxicas, doridas, exemprares, máis impresoantes que tódalas esculturas que se poidan soñar, sacrificadas polos homes mortos, viventes de nacer, pola aldea i a cibdade, polos paganos e polos xudeos, no vastro consolo dos grandes hourizontes montesíos, do vento das cumes, do corazón homilde das aldeas labregas.

Publicado orixinariamente en Vida Gallega, Galicia 1930, nº 456

Extraído de Prosa miúda, artigos non coleccionados (1927-1934). Ramón Otero Pedrayo. Ediciós do Castro.

P.D. Xoán, obrigado polo artigo.

Sabedoría anfibia

Onte atopeime con Ranidae á beira da lagoa. Camiñamos xuntos e achegámonos ata o terreo que lle propuxen compartir. Quíxome convencer de que me metamorfosease, valoreino, máis non o vía claro. Esperarei a tempos mellores.

Obrigoume, iso si, a renderlle probas da miña actual admiración polos seus e do arrepentimento polas miñas infantís masacres. Na que obxectar, para iso estou aquí, lle dixen.

Tamén me comentou que, deste xeito, estaría forzado a pasarme por aquí máis a miúdo, e que aínda chegaba moita xente que a visitaba e estaba cansa de ver sempre a mesma resposta. Tentareino.

Todos temos soños, mais tamén todos fomos nenos e soñamos doutro xeito. ¿Lémbraste da derradeira vez que soñaches coma un neno?, ¿serías capaz de regresar?…

Isto é o que nos propón a macedana Eva Quintas na súa nova curtametraxe. Un exercicio de transporte cara o apaixonante mundo da infancia, no que os adultos son un mundo aparte e no que os soños, o final, cúmprense. ¿Ou non?.

Poderemos gozar da presentación en Maceda de Palíndromo o vindeiro mércores día 6 ás 22:30 nas Toldas, e despois cinema ó aire libre.

Por certo, sei que varios rapaces de Maceda fixeron o seu pequeno papel na curta, así que haberá moita xente esperando ver o resultado final. Vémonos aló.

Xa temos aberto o prazo de inscricións na Escola de Fútbol Concello de Maceda- Club Deportivo Maceda, se che apaixona o deporte rei e tes gañas de compartir experiencias e facer un grupo de amigos… esta é a túa casa. ¡Esperámoste!

Andan “os do cruceiro” a todo trapo dándolle os últimos retoques á organización do I Entroido Quente de Maceda. A idea é caralluda, eu penso que só hai unha cousa do Entroido da que a xente non gosta, son esas noites de frío en pleno Febreiro… así que desta, meus amigos, non hai escusa que valga.

Tamén vos podedes anotar (son só 15 prazas… ¡y me las quitan de las manos señora! ¡anótese que se acaban!) para o Rali do Humor que durante a tarde do día 26 encherá as rúas de Maceda de vehículos dispostos a superar enxeñosas probas ó estilo das que, fai xa máis dunha ducia de anos se organizaban no Mismo. Iso si, desta volta sen motor, non vaia se-lo demo (ou a garda civil).

Concertos de Kogito e Durundatu, premios na Cervexería, o Albanta, o Ambigú, a Casa Rosa, o Indio, o Golfo e o Delirium… ¡O de menos é que “os do cruceiro” nos vaian invitar a Licor Café e a cear ós participantes! (¿en serio?).

Unha canción: Kriminal festa de Galegoz

O home minguante

Alí estaba, fronte a min, sen que pola súa cabeza pasase en ningún intre a nova que minutos máis tarde sairía da miña boca. Asentía unha e outra vez, mecanicamente, ante a avalancha de datos, cifras e comentarios do informe. Sabía que estaría ben, xa non dubidaba, gañárame a súa confianza. Punto e aparte. Silencio.

Foi entón cando no aire se debuxaron as verbas reductoras: agora gustaríame falarche de min. Comezou a minguar, xamais pensara que el puidese chegar ó meu tamaño, por momentos penso que incluso foi menor. Os seus ollos brillaban, a súa mirada buscaba un infinito que non existía (cando menos naquela pequena sala). Foron só un par de minutos, o tempo necesario para poder reorganizar o seu universo, para debuxar un par de alternativas… e volver a medrar.

 

Older Posts »