Ao longo do día de hoxe sairán os resultados do referendo sobre o Tratado de Estabilidade que se celebrou onte en Irlanda, déixovos a continuación o artigo sobre o tema que escribín onte para A Voz de Vilalba.
Ollando para a situación Europea actual un non pode máis que lembrarse daquelas mañás dominicais de catecismo nas que no ar flotaban as primeiras dúbidas bíblicas. Grecia e Italia foron, ou son, guiados por líderes que non elixiu o pobo, en España os “mercaderes” fan cambalear a un país que noutrora foi un templo bancario, Francia cambia de goberno e fainos crer de novo que é posible a multiplicación dos pans e os peixes. E Irlanda, negaranos Irlanda tres veces antes de que caia o Euro?
As derradeiras enquisas sobre os apoios do Si e o Non ao Tratado de Estabilidade tampouco son de todo concluíntes. Segundo a enquisa de Irish Times/Ipsos MRBI as cousas andarían nun 39 % contra 30 % de votantes a favor do Si, cunha grande marxe de indecisos de arredor do 22 %. O outro 9 % ten claro que non votará.
Nesta situación os partidarios de unha e outra opción apuran as súas estratexias. Dunha banda os partidarios do Si, entre os que se inclúen os partidos que actualmente gobernan en coalición, o conservador Fine Gael e o socialdemócrata Partido Laborista, e aos que se uniu o terceiro partido en número de apoios, o liberal Fianna Fail. Os seus argumentos parten da base de que o Tratado fiscal proporcionará os cimentos para a recuperación e a futura estabilidade, por extensión falan de confianza, de máis traballo e de maior inversión estranxeira.
Deixar unha resposta