Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Verbas’ Category

FADE IN

INT. Cuarto de baño. NOITE.

Baixo a luz dunha lámpada de pé vemos a OLucas sentado no retrete dun cuarto de baño acondicionado como sala de estar, enriba dunha mesiña distínguese unha guía de viaxes de Irlanda, o Dubliners de Joyce, un vaso de pinta e unha cervexa. Lee a prensa do día. Ri un par de veces e finalmente levanta a vista e mira á fronte.

OLUCAS:

Benquerido amigo, agora que os dous sabemos o duro que é

Ser  un “anocorenta” botarei man do cómico con maiúsculas

para lembrarche aquilo de  “a la mierda, a la mierda he dicho,

váyase usted a la mierda…”.

E que mellor sitio para irse de bastos, de corenta en bastos, que

esta modesta porcelana que a todos nos iguala. Que se vas de

duro dirás que é porque agora compartes número atómico co

circonio, que se vas de brando escusaraste con constantes

conferencias telefónicas a Romanía e aquel conto de “vou telefonar

que fai tempo que me estou telefonando”.

Como o cu continuarán a soar os 40 Principales, é por iso que será

en balde empregar a coartada esa de “es que me sube la bilirrubina”

cando nos fagas unha anovada trece- corenta antes de que cante o

galo (sexa do Torres ou non) e negues ser Brozas e ter entoado catro

veces o Ten. (máis…)

Read Full Post »

Pero se me dan a elixir…

Preguntábame un bo amigo, nas recentes datas de Nadal que puiden gozar en Maceda, a miña opinión sobre o feito de que toda unha xeración de xente nova, segundo din máis preparados que nunca, teña que deixar o país para traballar. Comentábamos a maiores a aparente felicidade que transmiten todos eles cando as súas personaxes desfilan por programas televisivos do estilo “Españoles por el Mundo”.

Por sorte, e nos últimos tempos por desgraza, tiven a oportunidade de ser “pirata coxo” cando aquela que eu consideraba a trama principal da miña vida “non se deixou meter man”. Até aquí nada novo que non levase tempo rebulindo no meu estómago, principalmente porque apenas teño lido un par de artigos que traten a cara B, a cara que moitos de nós ocultamos tras as mans cando as cousas non son Jauja. Difícil atoparse cara a cara cos usuarios dos albergues Robin Hood de Noruega, cos compañeiros que a diario continúan a buscar traballo en Dublín logo de media ducia de meses na que teñen gastado boa parte dos seus aforros, ou coas testemuñas da arriscada “avalancha” de españois que deciden apostar polo Paraíso Merkel e se perden na fría realidade xermana.

É por iso que máis alá do resultado final, desa televisiva felicidade finxida ou real, eu son dos que cree que o interesante do que está a acontecer con esta nova emigración é o relatorio das motivacións. Que é o que leva a unha persoa  a deixar a comodidade da súa familia, do seu pobo, do seu grupo de amigos de toda a vida… e embarcarse nun camiño onde o único indicio da futura realidade é aquela que aparece nos soños. (máis…)

Read Full Post »

Casaron (eles tamén)

Fai pouco máis de un ano escribía nesta mesma bitácora acerca do privilexiado que me sentía de poder ser partícipe da felicidade de dous amigos. Continúo a pensar o mesmo… velaquí a proba!

Foto: María Ferreiro

Sei que hoxe todos vos teredes claras lembranzas de cada un dos noivos arribando á vosa cabeza. Aínda así eu, que teño a fortuna de coñecelos aos dous dende que a miña memoria é memoria, ao escribir estas liñas cheguei á mesma conclusión que ese amigo cinematográfico co que todos nos sentamos nun banco na procura do bombón axeitado. Dicía Gump, Forrest Gump, sentado naquel banco que “ é curioso o que un pode lembrar, porque eu non lembro o día no que nacín, nin lembro o meu primeiro regalo de Nadal, nin tampouco lembro a primeira vez que saín de excursión …” (máis…)

Read Full Post »

Ao longo do día de hoxe sairán os resultados do referendo sobre o Tratado de Estabilidade que se celebrou onte en Irlanda, déixovos a continuación o artigo sobre o tema que escribín onte para A Voz de Vilalba.

Ollando para a situación Europea actual un non pode máis que lembrarse daquelas mañás dominicais de catecismo nas que no ar flotaban as primeiras dúbidas bíblicas. Grecia e Italia foron, ou son, guiados por líderes que non elixiu o pobo, en España os “mercaderes” fan cambalear a un país que noutrora foi un templo bancario, Francia cambia de goberno e fainos crer de novo que é posible a multiplicación dos pans e os peixes. E Irlanda, negaranos Irlanda tres veces antes de que caia o Euro?

As derradeiras enquisas sobre os apoios do Si e o Non ao Tratado de Estabilidade tampouco son de todo concluíntes. Segundo a enquisa de Irish Times/Ipsos MRBI as cousas andarían nun 39 % contra 30 % de votantes a favor do Si, cunha grande marxe de indecisos de arredor do 22 %. O outro 9 % ten claro que non votará.

Nesta situación os partidarios de unha e outra opción apuran as súas estratexias. Dunha banda os partidarios do Si, entre os que se inclúen os partidos que actualmente gobernan en coalición, o conservador Fine Gael e o socialdemócrata Partido Laborista, e aos que se uniu o terceiro partido en número de apoios, o liberal Fianna Fail. Os seus argumentos parten da base de que o Tratado fiscal proporcionará os cimentos para a recuperación e a futura estabilidade, por extensión falan de confianza, de máis traballo e de maior inversión estranxeira.

Continuar lendo o artigo en A Voz de Vilalba.

Read Full Post »

Vida B

” Choose life. Choose a job. Choose a career. Choose a family. Choose a fucking big television, Choose washing machines, cars, compact disc players, and electrical tin can openers. Choose good health, low cholesterol and dental insurance. Choose fixed-interest mortgage repayments. Choose a starter home. Choose your friends. Choose leisure wear and matching luggage. Choose a three piece suite on hire purchase in a range of fucking fabrics. Choose DIY and wondering who the fuck you are on a Sunday morning. Choose sitting on that couch watching mind-numbing spirit-crushing game shows, stuffing fucking junk food into your mouth. Choose rotting away at the end of it all, pissing your last in a miserable home, nothing more than an embarrassment to the selfish, fucked-up brats you have spawned to replace yourself. Choose your future. Choose life . . . But why would I want to do a thing like that?”

Rebobina, volve cara atrás, nas vellas casetes atopar o intre exacto foi sempre tarefa de expertos. O Bic Cristal xira a velocidade lumínica e impídeche ver un instante máis aló. Ninguén dixo que dar co momento axeitado fose sinxelo, na enmarañada cinta férrica da vida o que arriscas es ti.

Canso de escoitar a cara A: o silencio dun país cunhas taxas de desemprego que tinguirían de vermello as fazulas de calquera honesto con capacidade de influír na situación, no que máis da metade dos novos que queren traballar están desempregados, e no que a mellor resposta da clase gobernante a esta situación é unha reforma laboral que nos une pola forza a Europa, ao tempo que nos afasta da primixenia Europa do benestar coa que soñamos. (máis…)

Read Full Post »

Agora que a temporada peta de novo nas portas do Cardeal Quiroga, preséntovos este vídeo e o texto que o acompaña. Letras e imaxes son o meu regalo para todos aqueles que formaron parte do grupo que levou ao ClubDeportivoMaceda de volta á Primeira Autonómica do fútbol ourensán. Xunto con elas vai o meu desexo para que esta tempada se converta na confirmación do bo traballo feito nos últimos anos e a certificación de que o club estea na máxima categoría do fútbol provincial, que é onde merece estar.

 

 

Para todos os que formamos parte da familia do ClubDeportivoMaceda o 15 de Maio do 2011 foi un día moi especial. Só nós sabemos o que custou este ascenso.

Foron demasiados terceiros postos, demasiadas veces quedándonos ás portas e, aínda así mantivémonos unidos. Por iso temos dereito a saborear este intre máis que ningún outro… temos dereito a lembrar sempre!

Lembraremos que o xeito no que se acadan os éxitos tamén importa, o sabor da vitoria intensifícase e prolóngase infinitamente cando esta é sincera. Porén, no lado oposto, na derrota, tamén hai un podio reservado para aqueles que, con dignidade, apostan polo xogo limpo. Porque a nobreza sempre lle dá valor aos actos humanos. (máis…)

Read Full Post »

O intenso sabor da vitoria

Deporte, coraxe, loita, equipo, vitoria. Son verbas demasiado fermosas para intercambiar por ningunha outra.

O xeito no que se acadan os éxitos tamén importa, o sabor da vitoria intensifícase e prolóngase infinitamente cando esta é sincera. Porén, no lado oposto, na derrota, tamén hai un podio reservado para aqueles que, con dignidade, apostan polo xogo limpo. Porque a nobreza sempre lle dá valor aos actos humanos.

Hoxe, a min e todos os que formamos parte do ClubDeportivoMaceda, quédamos un retrogusto de orgullo que tardará anos en diluírse.

Read Full Post »

Panexírico da pausa

Agatuñar ás alturas e contemplar de novo esa árbore que está aí dende sempre, dende que de cativo empregabas o seu interior como o teu agocho favorito. Camiñar de vagar pola beira do río, sen destino final, deixándote levar pola corrente vital ata caer rendidos (a tarde e máis ti). Reparar nesa caixa de zapatos chea de recortes de prensa, fotos regaladas e infinitas trapalladas acumuladas en viaxes de novo desexados, mentres ao fondo Bob Dylan (sempre Dylan) continúa na procura da Rapaza do país do Norte. Acender o lume da cociña vella e tostar enriba dela uns cachelos, apertalos coas mans e soprarlle para que arrefríen, todo seguindo o pulido know-how da avoa. Encher a bañeira para un baño dominical de escuma, perderse entre burbullas e correntes imaxinarias cun billete de ida e volta para viaxar ao centro da terra a través do desaugue da pila. Debullar persoalmente catro liñas cheas de letras sen sentido e darlle mil voltas ata facelos cadrar nese quebracabezas de pezas infinitas que é a escrita (e a vida).

Consumo o meu tempo, premo a tecla da pausa e gozo das bondades de ser propietario do segundo seguinte, que é longo… case infinito.

Unha canción: Girl fron the North Country de Bob Dylan (Lyrics, Letra)

Read Full Post »

“Teño barriga”

Veu caer ao meu correo electrónico (obrigado Suso) este enxeñoso artigo de Alfonso Pérez Cáccamo co que non podería estar máis de acordo. Persoalmente pareceume unha reflexión tan intelixente sobre a felicidade propia e a felicidade imposta que non puiden resistirme a publicala aquí.

E mentres, a miña “barriga”, contenta, fai acenos de complicidade á súa compañeira famosa.

Teño barriga. Alfonso Pérez Cáccamo. El Faro de Vigo (27 de Xullo de 2010)

Aparentemente pode semellar unha frivolidade o que vou contar a continuación porque vou falar da miña barriga, panza ou bandullo. Sen embargo, cando rematen de ler vostedes estas liñas, comprobarán que no fondo do texto subxaz certo pouso de tristura e unha sutil denuncia contra a frivolidade.
Teño 57 anos. Mido un metro e setenta e oito centímetros. Peso 89 quilos. O meu I.M.C. (Índice de Masa Corporal) indícanme que teño sobrepeso. Son ancho de hombros e de constitución forte, pero teño barriga. Non teño unha barriga que provoque que os nenos me sinalen na rúa e as nais lles batan unha cachetada no cú para que aprendan a seren discretos. Teño certo exceso panzudo provocado polo peso dos anos. Non padezo de complexos e nin sequera me propoño adelgazar porque a miña saúde é excelente como así o acreditan as análises médicas ata a data de hoxe. Gústame comer e beber bo viño. Teño un traballo estable que me gusta. Conduzo cincuenta quilómetros diarios, ida e volta, para ir traballar e, despois de xantar, durmo felizmente a sesta a cotío. Descanso sen sobresaltos unhas sete horas pola noite. Non ronco. Manteño o cabelo, agora branco, coa mesma fortaleza da xuventude. Fumo moito máis do que desexaría. Dentro do que cabe, malia certas dores alleas á miña vontade, son feliz, especialmente no meu matrimonio. Ao cabo, teño case todo en contra para recuperar o peso ideal do que outrora gocei.
No ano 1975 pesaba eu 68 quilos. En 1985, xa contaba con 75 quilos e podía mercar os pantalóns vaqueiros con só indicar a talla (coido que era a 46 ou a 48) sen ter que probalos nin deixalos a arranxar. No ano 1995, andaba xa polos 80 quilos e agora rondo os 90, a moita honra. No ano 75 caíame o pantalón. Agora volve caer. Antes por defecto e agora por exceso. Antes estaba bastante triste e agora estou bastante contento.

(máis…)

Read Full Post »

Olé, olé… os coros de centos de espectadores deixábanse sentir a través do televisor, que usado como somnífero nas tardes do verán, non daba outra opción máis que as touradas na TVE-2 ou a telenovela de moda na TVE-1 Eu sentía como aqueles olés eran dedicados á mestría da miña Siesta. Nunca negarei que é un arte que sempre se me deu ben, como dirían os críticos taurinos “naceu para isto”.

Resulta que esta semana por culpa dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contaba co apoio expreso de 180.000 persoas, vai o Parlamento Catalán (elixido por tódolos cataláns) e nunha votación libre e democrática aproba a prohibición das corridas de touros en Cataluña. E agora quen me vai resarcir a min desas tardes de soños e deses olés en directo dende a Monumental de Barcelona.

Co “ruedo” tan revolto, un servidor ten que recoñecer que sinte unha envexa terríbel dos cataláns.  “Eles son Europa” me dicía un amigo o outro día antes de que, co meu asentimento, chegáramos á conclusión de que non teríamos os galegos mellor espello no que mirarnos.

Tamén é certo que a este soñador non lle gustan as prohibicións, que houbese preferido que as touradas rematasen polo seu propio peso, pois é un feito que en Cataluña a súa importancia na última década non era significativa. Pero cal sería o número de animais que estaríamos dispostos a ver morrer formando parte deste espectáculo antes de que se diluíse?. Na Comunidade Canaria fai xa case vinte anos que os espectáculos taurinos deixaron de celebrarse apoiados nunha lei que deu os mesmos pasos que a catalá. Alí non houbo grandes “pañoladas” nin sonoros “pitos”, por algunha inexplicable razón non se creou a polémica que se ten levantado agora en Cataluña.

Pero é que Cataluña é outro mundo e, segundo os defensores das touradas, os nacionalistas encargáronse de orquestrar toda unha estratexia maquiavélica para rematar coa tradición da Fiesta Nacional naquel territorio, para que posteriormente se estenda a outras comunidades, contribuíndo dese xeito á tan traída e levada disolución de España.

O  curioso do caso é que nos exteriores do Parlament, os seguidores dos espectáculos taurinos ían envoltos en bandeiras, non só españolas senón tamén catalás. Pola contra,  os defensores dos animais non portaban bandeira algunha, aínda que si é certo que da súa boca saíron un par de olés dedicados a todos aqueles que, coma este soñador, se quedarán sen a Siesta Nacional… pero manterán os seus soños.

Read Full Post »

Older Posts »

A %d blogueros les gusta esto: