Feeds:
Artigos
Comentarios

Desbordante Dublín

Pisar unha nova cidade, inevitablemente, desbórdate. Se ademais eses primeiros pasos pretenden converterse nunha carreira de fondo, entón, o efecto do principio de Arquímides multiplícase.

Após dos clásicos avatares con Ryanair, que desta volta baleiraron o meu peto en 50 euros e a miña paciencia até limites escuros, encamiñeime cara un Dublín que cumpría todos os tópicos; o día gris, a choiva miúda, a amabilidade do roibo chofer de autobús, e os pubs, os pubs alá onde levantes a vista …

Chegado a O´Connell Street, plena zona centro (ou que por estes lares chaman Dublín 1), nunha rúa que só un novato nas artes dublinesas exploraría por vontade propia, está o Sky Backpackers Hostel, renomeado Litton Hostel. A miña morada por unha semana. O son que as rodas das maletas deixan sobre o adoquín da húmida rúa, deixa no ar a derradeira lembranza do que xa quedou atrás.

O Litton Hostel non é o máis moderno, nin o máis limpo, nin o máis silencioso. O seu almorzo non impresiona e a velocidade da internet vai cumprida para usar o Skype. Ao cambio, un atópase nun lugar céntrico, o persoal é servizal, as habitacións (ao menos até o momento no que escribo isto) son seguras, ten unha boa cociña á disposición de calquera que se aloxe no establecemento e, sobre todo, a boa música e o bo ambiente imprégnano todo. Gustoume especialmente a súa decoración; ese gran sofá quedará na memoria como o pequeno curruncho dos meus primeiros días. Seguir lendo »

Vida B

” Choose life. Choose a job. Choose a career. Choose a family. Choose a fucking big television, Choose washing machines, cars, compact disc players, and electrical tin can openers. Choose good health, low cholesterol and dental insurance. Choose fixed-interest mortgage repayments. Choose a starter home. Choose your friends. Choose leisure wear and matching luggage. Choose a three piece suite on hire purchase in a range of fucking fabrics. Choose DIY and wondering who the fuck you are on a Sunday morning. Choose sitting on that couch watching mind-numbing spirit-crushing game shows, stuffing fucking junk food into your mouth. Choose rotting away at the end of it all, pissing your last in a miserable home, nothing more than an embarrassment to the selfish, fucked-up brats you have spawned to replace yourself. Choose your future. Choose life . . . But why would I want to do a thing like that?”

Rebobina, volve cara atrás, nas vellas casetes atopar o intre exacto foi sempre tarefa de expertos. O Bic Cristal xira a velocidade lumínica e impídeche ver un instante máis aló. Ninguén dixo que dar co momento axeitado fose sinxelo, na enmarañada cinta férrica da vida o que arriscas es ti.

Canso de escoitar a cara A: o silencio dun país cunhas taxas de desemprego que tinguirían de vermello as fazulas de calquera honesto con capacidade de influír na situación, no que máis da metade dos novos que queren traballar están desempregados, e no que a mellor resposta da clase gobernante a esta situación é unha reforma laboral que nos une pola forza a Europa, ao tempo que nos afasta da primixenia Europa do benestar coa que soñamos. Seguir lendo »

O pasado Sábado día 3 de Marzo tivo lugar no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela o Acto de Homenaxe a Francisco Carballo con motivo do Premio “Os Bos e Xenerosos” co que a Asociación de Escritores en Lingua Galega quixo facer un recoñecemento neste ano 2012 ao seu sobranceiro labor a prol da cultura galega.

Na introdución do acto, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo fincapé na labor de iniciador e referente de Francisco Carballo na súa faceta como historiador dunha nación na que, xa en referencias dos seus primeiros estudos, o macedán deixa moi claro que “precisamos librarnos dunha Historia imposta e coñecer a propia Historia de Galicia”. Outra das arestas subliñadas ao longo da introdución foi a súa profunda fe cristiá, sempre dende unha visión crítica coas institucións e fondamente baseada na forza da comunidade “Igrexa é subversión, Igrexa é protesta das inxustizas sociais, Igrexa é oferta de esperanza”.  Seguir lendo »

Se tes inquedanzas dentro do mundo da fotografía e vídeo dixital e queres prácticar ou mellorar as túas capacidades… En Maceda estamos tratando de facer un grupo que converta o mundo en píxeles. Apúntaste?

Xuntámonos o Venres 16 de Marzo ás 20:30 h. no salón de actos do Concello de Maceda, vémonos alí.

“Historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego”. Con estas verbas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) condensa nun alento o espírito do macedán Francisco Carballo de cara a homenaxe anual, nomeadamente “Os Bos e Xenerosos”, co que este ano quixo premiar ao de Celeirón.

Con cada edición de “Os bos e Xenerosos” a AELG propón “un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión dá nosa cultura”. Neste sentido, sublíñase do historiador macedán, o feito de que coa súa escrita e o seu activismo teña sido referencia á hora de dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia. En destaque figuran, ademais da súa ampla produción de estudos históricos, a labor fundamental como fundador e colaborador habitual de A Nosa Terra ou o episodio de comezos dos 80 cando foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia. Seguir lendo »

Polas castañas, que nunca chegan. E polos castañazos, que sempre sobran. Porque toca o Pedrinho do Reconco. Bis. Porque volve a tocar o Pedrinho do Reconco. Polos callos, a empanada, os chourizos e o viño (sen esquecernos do pan, que é capitán!). Porque nunca choveu que non parara, excepto nos Pipotazos dos últimos dous anos. Por unha noite máis ao lume a carón do Castelo; ¡O Castelo é noso!. Porque aínda teño que mercarlle a camiseta ao Arturo. Pola xente do Pipote; que bote, que bote, que bote o Pipote. Porque até o Hitler se cabrearía se non puidese vir. Pola primeira vez que vin a un escarvadentes a tirar dun estadullo. Polas herbas e polo licor café. Porque teño gañas de Morphina. Pola carpa e a megacarpa. Porque estaremos a “Cinco bajo cero”. Polo barro. Porque o bar non se pecha ata que o decidan os clientes…

Dous galegos descoñecidos, ás seis da mañá, compartindo confidencias e camiñando baixo o orballo polo Bosque das Meigas. Podería ser perfectamente o comezo dun filme do mestre Hitchcock, pero neste caso é só a imaxe que me gardo do comezo da segunda etapa do meu camiño, Roncesvales – Zubiri.

O galego co que compartín parte do camiño do día, é un peregrino da Coruña que pode contar mil e dúas historias do camiño, todas vividas en carnes propias. O seu amor polo camiño é tan grande que tódolos anos lle dedica un anaco da súa vida. Vida que, por fortuna nesta viaxe, decidiu compartir con nós. Historias como a caída do piso do antigo hotel de Roncesvales, a recomendación de restaurante alí mesmo, a razón do paulatino descenso de camiñantes do Xapón polo Camiño, a razón de ser do monumento ao xaponés Shingo Yamashita, os antigos pasos do Camiño…. Todo isto ademais da información indispensable sobre as etapas do Camiño, os albergues e outras vicisitudes humano- sanitarias. Como se do clásico filme do mestre do suspense se tratase, este home sabe demasiado. Seguir lendo »

Saímos ben cedo do albergue Azkorria, Joaquín, David e un servidor. A mañá espertábanos cunha espesa néboa en Saint Jean Pied de Port pero empeñados en escapar dela, subimos, subimos e subimos ata que a néboa se deu por vencida e se rendeu aos nosos pés.

Unha vez superada ofreceunos un espectáculo amoroso sensacional abrazándose a cantas cumes se deixaban ver. Só estas vistas suavizaban as fortes pendentes que nos fixeron suar a gota gorda. Entre ovellas da raza Manech, cabalos percheróns e algunha que outra vaca fomos restándolle metros a uns aproximadamente 24 Km. de ascenso, superando un desnivel de 1.250 m. para acadar unha cota máxima de 1450 m. no Porto do Lampoeder. Ao longo do ascenso uníronsenos dous novos compañeiros de viaxe, Macia e Shane, brasileira ela, irlandés el. Fixemos máis da metade do ascenso xuntos e compartimos alberguen, no final da etapa do día, en Roncesvales.

E se dura foi a subida, máis dura será a caída… ou baixada neste caso. Só 4 Km. de descenso pero cuns niveis que quebraban as pernas. Fiquei sorprendido de ver a xente realmente maior tomando a decisión de facer este tramo, no que unha caída significaría obrigatoriamente o final do seu camiño, cando existe outra alternativa moito menos perigosa. Seguir lendo »

Coa noite como única compañeira coñecida agarreime ao autobús da compañía Vibasa que había de dar cos meus osos en Pamplona. Logo dun espectacular concerto de ronquidos e sonidos guturais co que nos deleitou, apenas un par de asentos a miña dereita, o Tipo do Txoco do asento 44, chagamos a Pamplona.

Aínda non abrira o día e nos cafés da cidade a xente xa discutía sobre a vitoria do Osasuna o día anterior. Un café e unha volta sen rumbo fixo, con dirección final de novo na parada de autobuses para facer unha hora e media máis de percorrido pasando por Burguete (Auritz), Roncesvalles (Orreaga) e Valcarlos (Luzaide) para chegar finalmente a Saint Jean Pied de Port.

A espera deu para ler algo de Saramago e para coñecer aos primeiros compañeiros de viaxe, Joaquín de Alicante (ao que xa vira á mañá paseando por Pamplona), David de Sudáfrica, os cataláns Juan, Jesús e Miguel, e un andaluz de Madrid que responde ao nome de Antonio. O coñecemento pronto mudou en cariño logo de sobrevivir a un tramo de estrada dos que non se esquecen. Non sei se sería polo revirado do percorrido, que se mantiña por veces zigzagueando entre puntos fisicamente imposibles de unir cunha liña, ou se sería polo especial coñecemento do terreo do conductor suicida que nos tocou en sorte. Pero o certo é que o vernos liberados de ámbalas dúas hipóteses combinadas fixo que nos unísemos. Seguir lendo »

Chegou o momento. Non é que lle dedicase moito tempo á preparación da viaxe, neste caso prefiro ir decidindo sobre a marcha, pero o certo é que a data levaba un par de meses marcada no meu calendario persoal.

Toca arestora acomodar todos os apetrechos na mochila, os mínimos posibles, e botarse o mundo ás costas para camiñar. Un, ao igual que lle ocorre á boa poesía, nunca se da conta da enorme cantidade de cousas prescindibles ás que estamos afeitos ata que realmente procura a esencia das cousas.

Esa procura está hoxe, para un servidor, a preto de oitocentos quilómetros da casa. Para achegarme físicamente a ela, decidinme finalmente pola opción do autobús. Primeiro un Ourense – Pamplona que sae á última hora do día e chega a Pamplona ben cedo. Logo, pasado o mediodía, outro autobús levaranos dende a capital de Navarra ata o punto de partida da viaxe, Saint Jean Pied de Port.

A %d blogueros les gusta esto: