Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Eventos’ Category

FADE IN

INT. Cuarto de baño. NOITE.

Baixo a luz dunha lámpada de pé vemos a OLucas sentado no retrete dun cuarto de baño acondicionado como sala de estar, enriba dunha mesiña distínguese unha guía de viaxes de Irlanda, o Dubliners de Joyce, un vaso de pinta e unha cervexa. Lee a prensa do día. Ri un par de veces e finalmente levanta a vista e mira á fronte.

OLUCAS:

Benquerido amigo, agora que os dous sabemos o duro que é

Ser  un “anocorenta” botarei man do cómico con maiúsculas

para lembrarche aquilo de  “a la mierda, a la mierda he dicho,

váyase usted a la mierda…”.

E que mellor sitio para irse de bastos, de corenta en bastos, que

esta modesta porcelana que a todos nos iguala. Que se vas de

duro dirás que é porque agora compartes número atómico co

circonio, que se vas de brando escusaraste con constantes

conferencias telefónicas a Romanía e aquel conto de “vou telefonar

que fai tempo que me estou telefonando”.

Como o cu continuarán a soar os 40 Principales, é por iso que será

en balde empregar a coartada esa de “es que me sube la bilirrubina”

cando nos fagas unha anovada trece- corenta antes de que cante o

galo (sexa do Torres ou non) e negues ser Brozas e ter entoado catro

veces o Ten. (máis…)

Read Full Post »

Casaron (eles tamén)

Fai pouco máis de un ano escribía nesta mesma bitácora acerca do privilexiado que me sentía de poder ser partícipe da felicidade de dous amigos. Continúo a pensar o mesmo… velaquí a proba!

Foto: María Ferreiro

Sei que hoxe todos vos teredes claras lembranzas de cada un dos noivos arribando á vosa cabeza. Aínda así eu, que teño a fortuna de coñecelos aos dous dende que a miña memoria é memoria, ao escribir estas liñas cheguei á mesma conclusión que ese amigo cinematográfico co que todos nos sentamos nun banco na procura do bombón axeitado. Dicía Gump, Forrest Gump, sentado naquel banco que “ é curioso o que un pode lembrar, porque eu non lembro o día no que nacín, nin lembro o meu primeiro regalo de Nadal, nin tampouco lembro a primeira vez que saín de excursión …” (máis…)

Read Full Post »

Ecos rumososos

Vagando no máis absoluto silencio, onde solitarios pensamentos manteñen o que resta de cordura, alí, nese mundo facilmente accesible para a tristura, cruceime cos ecos rumorosos. Arrastráronme os seus murmurios cara o Liffey, afundinme na escoura até o mar. Somerxido no baleiro dun mar que raras veces une, lembrei o salgado sabor da morriña.

Sensacións difíciles de apagar.

Tratábase do 150 Aniversario da Brigada de Bombeiros de Dublín.

Read Full Post »

Fútbol de verdade

Hoxe vamos a ver fútbol de verdade, do grande, do que regala a alma na procura dun soño xurdido nos recunchos da Masía e Lezama, do que arrisca para facer protagonista a ese compañeiro redondo que é máis veloz que o ar. Hoxe, nós xogaremos, nós intentaremos gañar… Aupa Athletic!

Read Full Post »

Manifesto elaborado polo escritor Agustín Fernández Paz para a Manifestación que Queremos Galego convoca para este 17 de maio en Compostela.

Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido. (máis…)

Read Full Post »

O pasado Sábado día 3 de Marzo tivo lugar no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela o Acto de Homenaxe a Francisco Carballo con motivo do Premio “Os Bos e Xenerosos” co que a Asociación de Escritores en Lingua Galega quixo facer un recoñecemento neste ano 2012 ao seu sobranceiro labor a prol da cultura galega.

Na introdución do acto, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo fincapé na labor de iniciador e referente de Francisco Carballo na súa faceta como historiador dunha nación na que, xa en referencias dos seus primeiros estudos, o macedán deixa moi claro que “precisamos librarnos dunha Historia imposta e coñecer a propia Historia de Galicia”. Outra das arestas subliñadas ao longo da introdución foi a súa profunda fe cristiá, sempre dende unha visión crítica coas institucións e fondamente baseada na forza da comunidade “Igrexa é subversión, Igrexa é protesta das inxustizas sociais, Igrexa é oferta de esperanza”.  (máis…)

Read Full Post »

“Historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego”. Con estas verbas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) condensa nun alento o espírito do macedán Francisco Carballo de cara a homenaxe anual, nomeadamente “Os Bos e Xenerosos”, co que este ano quixo premiar ao de Celeirón.

Con cada edición de “Os bos e Xenerosos” a AELG propón “un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión dá nosa cultura”. Neste sentido, sublíñase do historiador macedán, o feito de que coa súa escrita e o seu activismo teña sido referencia á hora de dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia. En destaque figuran, ademais da súa ampla produción de estudos históricos, a labor fundamental como fundador e colaborador habitual de A Nosa Terra ou o episodio de comezos dos 80 cando foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia. (máis…)

Read Full Post »

Polas castañas, que nunca chegan. E polos castañazos, que sempre sobran. Porque toca o Pedrinho do Reconco. Bis. Porque volve a tocar o Pedrinho do Reconco. Polos callos, a empanada, os chourizos e o viño (sen esquecernos do pan, que é capitán!). Porque nunca choveu que non parara, excepto nos Pipotazos dos últimos dous anos. Por unha noite máis ao lume a carón do Castelo; ¡O Castelo é noso!. Porque aínda teño que mercarlle a camiseta ao Arturo. Pola xente do Pipote; que bote, que bote, que bote o Pipote. Porque até o Hitler se cabrearía se non puidese vir. Pola primeira vez que vin a un escarvadentes a tirar dun estadullo. Polas herbas e polo licor café. Porque teño gañas de Morphina. Pola carpa e a megacarpa. Porque estaremos a “Cinco bajo cero”. Polo barro. Porque o bar non se pecha ata que o decidan os clientes…

Read Full Post »

Ímonos de festas

Serán tempos de crise pero semella que as festas fan esquecer por un instante as estreiteces do momento e ninguén quere perder a oportunidade de ver a vellos amigos e compartir con eles un par de días. Andan as rúas de Maceda cheas outra vez de macedáns retornados e a música síntese no ar, As Neves 2010 abren o telón; cea das asociacións, concertos, pasarrúas, fútbol, gaitas… Aló estaremos, na primeira fila.

Unha canción: The meaming (Crisis? What crisis?) de Supertramp.

Read Full Post »

Rematou a primeira volta do mundial de Sudáfrica 2010 e apenas puidemos gozar de bo fútbol. Moito ruído, iso si, tanto a nivel prensa como das malditas vuvuzelas, pero co balón… nada máis que un pouquiño da Arxentina de Maradona, pinceladas dunha España que non se está gustando, a Alemaña menos Alemaña de tódalas Alemañas, un Brasil máis alemán que Alemaña, e a esperanza de que a Holanda lle funcione tan ben o fútbol coma o marketing de emboscada.

Persoalmente sorpréndeme a mala xestión de persoas que se fixo no equipo francés; cun adestrador no que non confiaba ninguén antes do Mundial, falto de liderado e que ademais foi incapaz de facer que, no peor dos casos, ese liderado o ocupase alguén da súa confianza. O resultado, xogadores que se creen deuses, rifas dialécticas, bochorno e para casa.

Tamén é de subliñar o bo papel do fútbol latinoamericano, só Honduras se quedou fóra da segunda fase  e, alén dos clásicos Brasil e Arxentina, países de segundo nivel nas apostas futbolísticas como Uruguai, Chile ou México mostraron serias candidaturas a avanzar camiño da final.

Non me sorprende a eliminación de Italia. A lira tamén lle soou unha vez a Grecia en Portugal pero, esta Italia ao contrario daquela Grecia, non tiña espírito e a diferencia da Italia do 2006, non tiña a Pirlo.

No tocante ao que queda por diante, emoción seguro, fútbol de calidade penso que pouco. Aposto por Alemaña e Brasil ou España. Arxentina ten o meu corazón e probablemente o mellor equipo pero Maradona acabará cagándoa. Verémolo en 15 días.

Read Full Post »

Older Posts »

A %d blogueros les gusta esto: