Foi só un abrir e pechar de ollos, un par de días cun desconto excesivo de horas de viaxe nun autobús que foi repartindo as súas humanas existencias en cadanseu pobo até chegar a Cork. A cidade rebelde recibiunos amablemente no climatolóxico, cun baleiro propio dunha fin de semana longa e, moi ao noso pesar, co English Market pechado na mañá do luns.
Estou seguro que non foi o efecto das pintas compartidas nos pubs da cidade o que nos fixo dubidar da hora ao pasar diante do mentireiro campanario da Igrexa de Santa Ana (St Ann’s Church, Shadon). Acovardados, non chegamos a tocar as súas campás. Púidonos o medo a que o seu son irritase ao anxo dourado da Catedral de San Finbar (St. Finbarre’s Cathedral) e este, nun arrebato de ira, se decidise a tocar a súa trompeta, anticipando así o comezo do Apocalipse.
Deixar unha resposta