Feeds:
Artigos
Comentarios

Hai momentos que pagan por si sós todo o esforzo que un poida por naquelo que lle gusta. O pasado mes de Xuño os rapaces do ClubDeportivoMaceda xogaron a final da Copa Delegación de Ourense, as lembranzas daquel día non teñen prezo…

 

 

Houbo un día no que nos fixemos grandes.

Chegamos ata aquí sendo uns máis, cada golpe de bombo facía tremer o noso corazón e alentounos a medrar ata facernos grandes, moi grandes.

Porque a grandeza demóstrase nos momentos difíciles como o que nos tocou vivir no campo.

Cando despois de loitar sen descanso, despois de deixar ata o último bafo de alento na procura da vitoria, despois de caer derrotados, somos capaces de felicitar ao gañador e entender que isto é o que fai tan grande ao noso deporte.

As bágoas da derrota non farán máis que regar con orgullo a terra na que hoxe botamos a semente de futuros éxitos.

Cremos en nos mesmos ata o final… e continuaremos crendo.

Forza Maceda!

José Saramago recupera unha pasaxe histórica na corte do rei Juan III de Portugal, que daquelas regalou un elefante ao seu primo o Arquiduque Maximiliano de Austria, para afondar nas intimidades humanas e colocalas nun mundo á medida da maxestosidade dun elefante.

O elefante Salomão (ou Solimão) e a comitiva real son capaces de atravesar Portugal e Castela, navegar polo Mediterráneo, percorrer Italia, cruzar os Alpes e o Danubio e finalmente chegar a Viena, asombrando a todo o mundo alá por onde pasan.  Ao pouco tempo de chegar a Viena, o elefante rematará a súa historia á porta de palacio, coas súas patas sendo empregadas como paraugueiro.

En toda a viaxe o elefante Salomão (ou Solimão) só é un espectador máis, por diante del circulan unha serie de personaxes que tratan de aproveitarse dun inocente animal; os Reis emprégano como regalo porque “non fai outra cousa que non sexa comer e durmir”, os capitáns pensan que é a escusa perfecta para conseguir a gloria militar, o seu guía trata de facerse un oco na corte grazas ás súas especiais habilidades no manexo do paquidermo, o clero matina a súa intervención milagreira para sacarlle beneficio económico e moral…

Segundo o propio autor comentou na presentación do libro na Casa de América en Madrid no ano 2008, “o problema non é que os atentados contra a dignidade do ser humano se fagan cando un morre, senón cando un está vivo”. Neste sentido, a súa crítica amósanos unha sociedade que, ao igual que a que nos toca vivir hoxe, encamiña a aqueles que se manteñen ao marxe, por un sendeiro guiado polas debilidades humanas.

Agora que a temporada peta de novo nas portas do Cardeal Quiroga, preséntovos este vídeo e o texto que o acompaña. Letras e imaxes son o meu regalo para todos aqueles que formaron parte do grupo que levou ao ClubDeportivoMaceda de volta á Primeira Autonómica do fútbol ourensán. Xunto con elas vai o meu desexo para que esta tempada se converta na confirmación do bo traballo feito nos últimos anos e a certificación de que o club estea na máxima categoría do fútbol provincial, que é onde merece estar.

 

 

Para todos os que formamos parte da familia do ClubDeportivoMaceda o 15 de Maio do 2011 foi un día moi especial. Só nós sabemos o que custou este ascenso.

Foron demasiados terceiros postos, demasiadas veces quedándonos ás portas e, aínda así mantivémonos unidos. Por iso temos dereito a saborear este intre máis que ningún outro… temos dereito a lembrar sempre!

Lembraremos que o xeito no que se acadan os éxitos tamén importa, o sabor da vitoria intensifícase e prolóngase infinitamente cando esta é sincera. Porén, no lado oposto, na derrota, tamén hai un podio reservado para aqueles que, con dignidade, apostan polo xogo limpo. Porque a nobreza sempre lle dá valor aos actos humanos. Seguir lendo »

O Camiño das estrelas

A de onte foi unha noite perfecta para tomar consciencia de cómo a miña estrela insiste en arrastrarme cara novas posicións. Un non pode máis que marabillarse despois de ver xerminar, sobre o escuro manto do ceo, un espectáculo de movemento lumínico como o das Bágoas de San Lourenzo. Todo se move, aquí abaixo tamén.

Un sentimento de baleiro encheu o meu corpo (que non a alma) e véxome seguindo ás estrelas, camiñando, camiñando sen parar, mesmo que sexa para chegar a ningures. Deste xeito Setembro (pendente de data) e Campus Stellae non serán principio nin fin de nada, máis a consciencia convérteos en necesarios axitadores vitais.

PD. Pois iso, que no mes de Setembro marcharei a facer o Camiño de Santiago. A pé e dende Saint Jean Pied de Port. Agradécense todo tipo de suxestións sobre lugares a visitar ou cousas imprescindibles que facer ao longo da viaxe… ademais intentarei contárvolo en Perturbación Aleatoria.

Unha canción: “The flight of the earls” de Carlos Núñez & The Chieftains

Perseidas

A luz dunha estrela non me permite durmir… deixa de susurrar, comeza a berrar.

Casaron

Poucas veces un ten a oportunidade de participar activamente na felicidade de dous amigos. Aquí deixo o texto escrito para o día.

” Moi bo día pais, nais, familiares e amigos. Antes de nada quería agradecervos en nome de Marta e Roberto a vosa presenza hoxe aquí para acompañalos nun día tan especial.

A miña avoa sempre dicía que o mellor para vestir é o negro e que, para os días especiais, o mellor é un conto, porque sempre quedan ben con todo.

Así pois, eu hoxe quixéravos contar un pequeno conto; non de princesas, aínda que teña unha aquí ao meu carón, nin de príncipes valentes, aínda que nestes tempos de crise e sabendo que o Roberto é autónomo… xa me diredes. Nin sequera de Castelos encantados, aínda que moitos de nós esteamos encantados de poder volver a pisar as pedras deste Castelo recuperado pola única arma que honra aos que a empregan, a voz do pobo.

Vai logo o conto, que pode soar un pouco escandaloso, pero asegúrovos que non o é. Direivos que o Roberto e máis eu estabamos practicamente en coiros cando me propuxo o do matrimonio, entendédeme , non é que me propuxese xamais que casásemos entre nós, senón que fose eu, no caso de ter saído Concelleiro en Maceda, quen o casase a el coa Marta. Ademais estabamos case en coiros, non por nos pegase un arrebato nudista, senón porque casualmente a conversa tivo lugar na sauna…  creo lembrar que en palabras textuais foi algo así como “ímonos casar, apenas asinar os papeis e irmos cear cos meus pais e os pais dela.” Seguir lendo »

Deporte, coraxe, loita, equipo, vitoria. Son verbas demasiado fermosas para intercambiar por ningunha outra.

O xeito no que se acadan os éxitos tamén importa, o sabor da vitoria intensifícase e prolóngase infinitamente cando esta é sincera. Porén, no lado oposto, na derrota, tamén hai un podio reservado para aqueles que, con dignidade, apostan polo xogo limpo. Porque a nobreza sempre lle dá valor aos actos humanos.

Hoxe, a min e todos os que formamos parte do ClubDeportivoMaceda, quédamos un retrogusto de orgullo que tardará anos en diluírse.

Peligro perras sueltas

A literatura “castelá” dos nosos pobos e o aproveitamento dos ” recursos propios” déixanme sen palabras. Moi sutil, sen dúbida…

Segue Buscando

Pasei a miña infancia apoiado na barra dun bar, non porque tivese unha especial carencia polos fluídos despachados sobre a amigable superficie senón porque durante os oitenta, esta foi o sustento da miña familia.

Hoxe, como profesional da xestión de persoas, non dubido de que o primeiro acto de calquera das nosas novelas persoais marca o carácter do protagonista da trama. Neste caso o feito de medrar nun bar marcou inevitablemente o meu desenvolvemento persoal, tendo adquirido unha serie de competencias de uso diario que xamais me abandonarán… mesmo en tempos de crise como o actual.

Aprendín a escoitar. As controversias nocturnas entre borrachos deron moito de si. Recordo fixar a atención para intentar buscar un gañador na dialéctica, aínda sendo temas dos que eu non tivese nin a máis mínima idea. De aí a importancia concedida, daquelas e agora, á linguaxe corporal, que tan poucas veces nos engana. Ademais estaba a outra linguaxe, esa  que empurra a razón contra a ruindade; con seis ou sete anos era capaz de identificar mentalmente entre trinta e corenta tacos e palabras malsoantes, algo que non estaba ao alcance de calquera rapaz da miña quinta. Seguir lendo »

Ano 1920. Atlantic City

Ano 1920. Poder, alcohol, violencia, sexo, apostas, jazz… todo agochado baixo as mudas táboas dun paseo marítimo de Atlantic City, no que soamente o mar é quen de devolver regurxitadas negras historias que conteñen unha verdade sen valor.

Levo meses recomendándolle Boardwalk Empire a todo aquel que se cruza no meu camiño, unha serie da HBO que é un auténtico espectáculo. Apenas é preciso que vexas o capítulo piloto dirixido maxistralmente por Martin Scorsese para que todo aquilo que eu che poida contar se quede en nada.

Deberías deixar todo o que estás a facer agora mesmo e, rapidamente buscar o xeito de ver a primeira temporada. A túa vida podería estar nas mans de calquera, a piques de mudar…

A %d blogueros les gusta esto: