Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Verbas’ Category

Un veciñ@ da zona de Asadur fíxome chegar estas fotos para a súa publicación. Onte durante a tarde, no acostumado sprint electoral de “caminos, bancos y farolas”, o chapapote fixo acto de presenza na parroquia. As imaxes falan por si soas, só comentarvos que xa algún veciño se encargou de dar conta delo ó SEPRONA.

chapapote

alquitrán

chapuza deputación ourense

Read Full Post »

Non hai debate!

Comunicado de Xabier Oviedo, candidato á alcaldía de Maceda polo Bloque Nacionalista Galego.

bng maceda

Estimados veciñ@s:

Fai xa máis dunha semana que por diversos medios lle ofrecía os candidatos do PP e do PSOE, Manolo e Ana, a posibilidade dun debate público no que expuxéramos os nosos proxectos a tódolos macedáns.

Hoxe, a verdade é que estou decepcionado, creo que tódolos veciños se merecían dispor da máxima información para contrastar a visión de Maceda que ten cada un dos partidos, e así, decidir o seu voto. Ningún dos candidatos mostrou o máis mínimo interese en debater sobre o noso futuro, se non son capaces ou non mostran ilusión por expoñe-las súas ideas, ¿de que xeito van guia-lo noso concello?. Penso que houbera sido un gran exercicio de democracia, un acto que os veciños agradecerían.

Agora, a só un par de días de que se peche a campaña, pídovos que reflexionedes e valoredes as opcións de voto das que dispondes. Eu ofrézovos un proxecto ilusionante, aberto ó diálogo con todos, cun gran equipo como apoio, coa experiencia de moitos anos traballando por Maceda. Do outro lado tedes dous candidatos que nin sequera se dignan en acudir a un debate público.
O día 27 vos decidides o que queredes para Maceda.

Desta vai!

Xabier Oviedo.

Read Full Post »

El diego de la gente

Diego, che, dejáte de hinchar las bolas. Olvidáte de toda esa mierda y viví libre. Fuiste el más grande en la cancha, na más tenés que demostrar ahora que sós uno de tantos acá afuera. Yo sé que podés… dale viejo!

Eu, que apenas lembro o mundial de España, pois daquel acontecemento o único que quedou grabado na miña cativa memoria foi unha laranxa parlante ( Naranjito) e os seus amigos, sei que o Dez se marchou doído. Era a túa primeira vez, lémbraste? Por aquel tempo todos bebíamos Coca- Cola e a todos nos prestaría axudarche.


Pasaron os anos, e para alguén que no 86 tiña oito anos, Maradona sí que era un Deus. Daquelas non había pedra ou lata no chan que non se convertese instantaneamente nun Azteca a piques de entrar pola escuadra, cantos goles soñamos… e cantos a pase teu Diego. Na praza dos taxis, simulando os estadios de México e coa ameaza constante dos caldeirazos de auga da Susa, comezamos a probar a amargura desta nosa afección.
En Italia xa todo foi diferente, xa tiñas cambiado, e nós tamén, agora “bailábamos” sobre parqué no pavillón. Perdemos a fantasía da rúa. O xenio aparecía ás veces, pero foi o carácter o que fixo que Arxentina chegase á final. Gary Lineker xa o dixera antes no fútbol xogan once contra once e gaña Alemaña, que mágoa non poder levanta-lo mundo de ouro outra vez.
Do de Estados Unidos mellor non falamos, como tampouco falaremos de moitas das cousas que eu descubrín lendo “La mano de Dios” de Jimmy Burns. E non falaremos porque, amigo Diego, eu quero darche unha última oportunidade. Dependerá de ti que algún día eu lle diga ós meus fillos que fuches o máis grande, fainos ese favor Diego, non a cagues outra vez.

Unha canción:   Maradona de Andrés Calamaro (Letra)

Read Full Post »

Unha fonte ben informada coméntame estes días que o “Emperador” Baltar considera Maceda obxectivo número un nesta campaña. Supoño que despois de tantos anos dirixindo dende a sombra a alcaldía, e vendo o grao de “desenvolvemento” ó que levou o noso concello, terá medo de que os veciños reaccionen e poida perder un dos seus principais feudos.
Sexa por ordes do “Emperador” ou sexa por pura dinámica caciquil, o certo é que durante estas últimas semanas un aroma a chapapote instálase diante das nosas narices. A sorpresa foi enorme na última visita a miña avoa do Rodicio.

Capela O Rodicio

Novos merendeiros… con máis prazas das que se poden cubrir con tódolos veciños do pobo. De carallada coméntanme que precisamente por ser poucos veciños non conseguiron o “kit premium” que inclúe a grella para facer churrascadas no verán.

Capilla Rodicio

En fin que se repite o de fai catro anos (última aparición coñecida) cando tamén por estas datas visitou o Rodicio un camión da Deputación para asfalta-lo pobo.
Despois disto golpéame unha pregunta sen parar, imos os veciños darlle a confianza doutra volta a esta “política dos catro anos”.

Read Full Post »

A Revolución dos caraveis

Non atopo metáfora con maior forza para expresar o pensamento dun pobo nun intre da súa historia, o desexo da liberdade, do cambio pacífico, do valor e da loita… iso é o que son os caraveis vermellos colocados polos lisboetas nos canóns das armas do seu exército o 25 de abril do 74.

Revolución dos caraveis

Pero a historia fraguarase antes, en reunións clandestinas do Movimento das Forças Armadas, no apoio dos capitães á revolución, na radio que fixo sonar o Grândola Vila Morena do Zeca Afonso. A historia está perfectamente retratada no filme Capitães de Abril, que narra como os acontecementos se precipitaron durante aqueles días. A min, que gocei inmensamente con esta película, non me queda máis que recomendárvola para celebrar este día de festa no noso país veciño.

Unha canción:   Grândola Vila Morena do Zeca Afonso (Letra)

Read Full Post »

Un novo Jeremy volveu a falar onte na clase. Desta volta estalou na Virginia Tech University.

Virginia tech lazo negro/ black bow

Resulta curioso (tradúzase por incrible a esta beira do Atlántico) como este tipo de acontecementos se repiten ciclicamente nos Estados Unidos. Poderíamos retroceder ó ano 1999 para vérmonos golpeados por un feito semellante acontecido en Columbine, máis tarde oscarizado polo axitador de conciencias Michael Moore, pero o certo é que a historia tense repetido demasiadas veces: 23 masacres e 5 tiroteos en colexios e universidades nos derradeiros 10 anos, con 93 mortos e 136 feridos.

michael moore

Procurando información sobre o tema leo, con sorpresa, como un das maiores masacres tivo lugar na University of Texas at Austin, un campus que tiven a oportunidade de visitar durante a miña pasada estancia nos EU, e que estaba a só media hora da miña universidade. O certo é que o tema dá moito para falar, a facilidade para conseguir un arma nos EU é manifesta, un feito que ninguén pode rebater. Agora ben, están as armas de verdade tan presentes na sociedade. Eu, despois da miña experiencia persoal, diría que si. Durante cinco meses non tiven á miña vista ningún tipo de arma, porén moitos compañeiros recoñecéronme que na súa casa familiar si que posuían armas, como eles din, “para defenderse”.
A combinación logo é sinxela; unha personalidade inestable, problemas persoais, un intre de tolemia…e a facilidade coa que un se pode facer cun arma. Explosivo.

Unha canción:   Jeremy by Pearl Jam (Lyrics, Letra)

Read Full Post »

Mañá Sábado as 6 da tarde no salón multiusos do Toural presentarase a candidatura do BNG de Maceda para as vindeiras eleccións municipais. No acto, ademais do novo candidato, Xabier Oviedo, intervirán o Vicepresidente da Xunta de Galiza e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e o Director Xeral da Benestar Social e veciño de Maceda, Bieito Seara.
Como sabedes, cando menos os que me coñecedes, levo anos participando na política macedana da man do grupo municipal do BNG. Nas anteriores municipais formei parte da candidatura que encabezara Bieito Seara, desta volta volverei a ser un máis no equipo que o Xabier organizou co fin de darlle volta a situación que actualmente vive o noso pobo. Penso que no ambiente segue a flotar esa necesidade dun cambio político en Maceda, e penso que o Bloque integrou un grupo ilusionado e perfectamente capaz de levar ese cambio adiante. Agora quédanos o reto de gañarnos a confianza dos veciños; coa base do traballo dos derradeiros anos e a nosa ilusión por unha Maceda mellor.

Estades invitados, vémonos alá.

Read Full Post »

Envexa

Sinto envexa do espello no que me miro; das ateigadas rúas, da imaxinación, da integración e colaboración, dun ambiente que outrora vivín.

Miro cara Allariz e leo, “colgado o cartel de cheo nas súas 263 prazas hostaleiras”, “seis museos abrirán o luns, martes…” “tres formacións musicais que se encargarán de ir rotando en sesións de mañá e tarde…folk e rock galego, tangos, jazz” “opción nocturna… mercé á colaboración entre o Concello e os establecementos hostaleiros da vila (actuación do grupo folk Lume e a formación Cornelius, de pop-rock)”.

A miña envexa acada o máis alto grao posible cando, relendo a prensa dominical, me atopo un artigo (toda unha páxina) adicada ó acordo o que este concello ben de chegar coa empresa de transportes Aníbal Blanco. A idea é ben sinxela, os camións percorrerán agora toda Europa rotulados coa campaña promocional do turismo de Allariz. A empresa pola súa banda non cobrará, pero en palabras dos seus responsables “levar publicidade dunha marca recoñecida como Allariz danos prestixio”.

allariz- an�bal blanco

Pois ben, como tamén se di no corpo da noticia, o fundador desta compañía é de Maceda (teño entendido que de Calvelo), e hoxe en día son os seus fillos quen a dirixen. Supoño que foi por isto polo que, nunha entrevista a un deles que acompaña ó artigo, unha ávida periodista lle preguntou:

– “¿non se celarán os de Maceda?”

Eu teño a miña particular resposta: si, teño celos… envexa de ver cousas simples e ben feitas. Parabéns as dúas partes.

Read Full Post »

Así é como me declaro despois de ler as palabras do ¿líder? do Partido Popular. Mariano Rajoy convoca a toda a xente “normal, sensata e de ben” a manifestarse contra a política antiterrorista do goberno, e afortunadamente, eu non estarei en ningunha manifestación.
A estratexia de confrontación elixida polos dirixentes do PP lévaos a un xogo no que todo vale. Non lles preocupa perde-la dignidade política nin a educación parlamentaria. Esquécense facilmente das súas pasadas decisións cando eran goberno (do que tan orgullosos se mostran) e incluso se senten alagados polo apoio que acadan entre a extrema-dereita oficial.
Elixiron un camiño sen retorno, un atallo fácil. O tempo, co seu sabio transcorrer, mostraranos o carreiro axeitado (se o hai).

Read Full Post »

Forumemprego 2007

Durante esta semana celebrouse nos campus de Vigo e Ourense da Universidade de Vigo o Forumemprego Universitario 2007. Como actos máis interesantes das dúas xornadas celebradas en Ourense destacaría a charla impartida por D. Ignacio Arellano Salafranca, socio e actual Director no mercado de Cataluña e Baleares de Cega Tegos, e unha mesa redonda onde participaron diversos profesionais do mundo dos recursos humanos, en concreto os poñentes foron:

  • Dna. Sara Pellón Domínguez, Responsable de RRHH de ITC Grupo de Empresas
  • D. Antonio Dieter Moure- Areán, da Confederación de Empresarios de Galicia
  • Dna. Mercedes Pérez Huerta do Dpto. de Selección e Marketing do Banco Sanatander
  • Dna. Reyes Carid Peña, Responsable de RRHH de Mecanizados Rodríguez Fernández
  • Dna. Isabel García, HR Assistant Manager de Office Depot Internacional

As conclusións que persoalmente saco da opinión destes expertos é por un lado que é un bó intre para atopar traballo, sobre todo como manifestou D. Ignacio Arellano Salafranca, todo aquelo que dalgún xeito requira un perfil de tipo comercial. Por outro lado todos insistiron nas competencias desexables hoxe por hoxe en calquera empresa; habilidades interpersoais, idiomas, comunicación, flexibilidade, traballo en equipo, e outro longo etcétera, todas moi na liña do novo paradigma dos negocios que se impón hoxe en día.
Aínda así houbo unha cousa que me chocou e que me fixo pensar bastante, e é o feito de que todos vexan a implicación coa empresa por parte dos novos profesionais como factor clave para o crecemento, tanto da empresa como do empregado. Todo isto sabendo que, pola contra, non ven coma un problema a baixa motivación de moitos empregados cualificados que se ven forzados a traballar en condicións ou postos de inferior categoría.
Finalmente dicir que unha das mesas redondas foi interrompida nun determinado intre polo Persoal Administrativo da Universidade de Vigo que reclamaban un xerente co que negociar o seu convenio. O reitor da universidade na vista do que se cocía por aqueles lares decidiu cancelar a súa asistencia ó acto de clausura. ¿Non era o dialogo unha das competencias claves neste novo entorno?
Dende aquí o meu apoio os PAS, supoño que o mínimo que merecen é que alguén escoite as súas reivindicacións.

Read Full Post »

« Newer Posts - Older Posts »

A %d blogueros les gusta esto: