Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Verbas’ Category

DOR

Lembranzas da infancia mollan as miñas meixelas. Recordo a facilidade coa que nos confundían de nenos. Un cento de trasnadas compartidas. Descubrimentos paralelos na aventura da adolescencia. Agora, unha mala xogada do destino fai que abandones a partida antes de tempo, eu quédome con só tres cartas túas: Amigo, Aperta, Adeus.
E a ti compañeiro… forza, forza e forza. Sei que seguiremos adiante.

Read Full Post »

Limpando recordos

Pasei un bo anaco limpando medio século de Historia do fútbol de Maceda. Ducias de trofeos gañados coa maior das ilusións. Ilusións que por algún estraño motivo foxen, desvanécense.

Club Deportivo Maceda

Volvo a ollar as fotografías do club, vexo centos de rostros; coñecidos, recoñecibles e insospeitados. Todos dispostos a gozar do deporte rei.
Volvo pensar nos domingos de fútbol dos últimos anos, o campo baleiro, os catro de sempre (valiente Neno!)… e aínda así moitos son os rostros que se seguen sumando ó presente do equipo.
Un desexo, que aqueles e estes volvan a sentir a paixón polo “fútbol real”.

Read Full Post »

A portada de El Jueves

Decateime da retirada da revista El Jueves polo xuíz Juan del Olmo no telexornal. A súa web estaba atascada polas visitas así que marchei a lume de carozo á libraría a facerme cun exemplar… conseguín o último que lles quedaba.
De principio direi que a portada é un pouco forte, se cadra de mal gusto (trátase dunha caricatura, unha deformación da realidade), pero non creo que deba ser o feito de caricaturizar ó herdeiro da coroa o que invite ó xuíz a retirala. Acaso sería menos grave se os debuxadas fosen outra parella (pública ou anónima).
Disque o Código Penal (art.490.3 e 491) prevé sancións para este tipo de “inxurias”, textualmente di “el que calumnie o injurie al Rey o a cualquiera de sus ascendientes o descendientes, a la Reina consorte o al consorte de la Reina, al Regente o algún miembro de la Regencia, o al Príncipe heredero de la Corona, en el ejercicio de sus funciones o con motivo u ocasión de éstas”, e tamén “al que utilice la imagen del Rey o de cualquiera de sus ascendientes o descendientes, o de la Reina consorte o del Príncipe heredero, de cualquier forma que pueda dañar el prestigio de la Corona”. Supoño que todos estes privilexios se deberán a súa “orixe divina” (lembrade a polémica das viñetas de Mahoma publicadas en Dinamarca), ¿e nós éramos os que nos escandalizábamos do fanatismo musulmán?.
O bo de este novo universo chamado internet é a capacidade para esparexer e non deixar no caixón da censura todo este tipo de cousas, un par de minutos máis tarde da decisión do xuíz, a portada xa estaba colgada en varios sitios da arañeira. Aquí tamén.

Portada el jueves

Read Full Post »

Make some noise

Fagamos algo de ruído. Porque un mundo onde a ONU é dirixida polas grandes potencias mundiais e os seus intereses non nos vale. Porque non son máis graves as violacións dos dereitos humanos en Iraq do que son en Darfur (ou en ducias de territorios conscientemente esquecidos). Porque os conflitos armados hoxe en día son conflitos económicos que contan co beneplácito das grandes potencias.

Amnistía Internacional ven de sacar ó mercado o disco Make some noise (Fai algo de ruído) coa finalidade de recadar fondos e sensibilizar á xente sobre as violacións do dereitos humanos en todo o mundo, prestando, neste intre, especial atención á situación que se vive en Darfur.

Make some noise

No dobre CD podemos atopar temas escritos por John Lennon e gravadas para a ocasión por bandas coma Green Day, The Cure, U2, REM, Avril Lavigne, Aerosmith, Youssou N’Dour… e así ata 38 temas. Ademais tamén se poden adquirir exclusivamente en iTunes algunhas cancións, como Jealous Guy dos The Deftones, que non aparecen no CD.
Así que cando poidas… fai algo de ruído!

Unha canción: Working Class Hero by Green Day (Lyrics, Letra)

Read Full Post »

Ía calor, moita calor. A miña idea dun día perfecto de verán distaba moito de aquelo. Nin sombra, nin carballos, nin o son do río petando nas rochas. Pola contra Samil, puro sol na caluga, berros de rapaces e música dos “Cuarenta”. Porén, o peor de todo, era ter que compartir o meu metro cadrado de fervente area con outros catro ourensáns, prototipos de persoas coas que na miña vida arranxaría unha conversa na “terra da chispa”. Ás veces un ten que aguantar cousas ben duras para contentar á parenta.

Era media tarde e rematárase a Nivea solar ( ela empregaba protección total, era branca como o leite), a oportunidade perfecta para fuxir por un tempo daquel inferno. Non te preocupes nena, lle dixen, achégome a mercar outro bote ata a cidade. Non sexa que te vaias queimar. Gracias cariño, no sé que haría sin ti. Xa me estaba sabendo a cervexiña, fresca, con esa escuma mordéndome nos beizos. Puxen cara de sufrimento polo trastorno que me causaba ter que facer o recado, e marchei pola area adiante, pousando os pés por derradeira vez naquela grella humana.

Subín ó coche, amaba profundamente o meu Opel Kadett 1.3. Diesel. Mais nese intre, non foi o amor o que fixo que me quentase aínda máis, senón a carencia absoluta dos tan publicitados extras. Queimaba. Baixei as fiestras e puxen o máximo o “aire fresco”, tamén queimaba. Apurei todo o que puiden para que algo de aire viñera ó encontro co meu corpo. Suor. Cen voltas para atopar onde aparcar. Máis suor.

Camiñaba paseniño pola Porta do Sol (omnipotente Lorenzo)cando me mirou. Estaba sentada, relaxada. Cravoume os seus ollos. Coma sempre, tímido, fuxín coa mirada a outra parte. Novo depósito 10, TAE 4,30 %, lembro ter lido. Esa mirada fixo subir aínda máis a miña temperatura. Dobrei a esquina e alí estaba outra vez, esperando por min. Ás presas pasei por diante dela, miroume. Non dixo nin mu. Entrei nunha cervexería. Unha cervexa, por favor. Un trago. Pode pórme outra, se fose tan amable. Dous tragos.

Intranquilo, sen saber moi ben porqué, comecei a correr. Agora non suaba, era unha fonte salgada. Baixei cara o porto, detrás duns arbustos do Areal volvín sentir como me seguía. Tan só dez segundos máis tarde xa a podía ver no seguinte cruce. Suor. Subo cara Príncipe e atópome de fronte con ela. Na rúa paralela, unha vez máis. As miñas pernas compiten entre si por da-la seguinte zancada, a competición remata cos meus ósos non chan. Non lembro nada máis ata un par de días despois, xa na casa.

Cow Parade

Cando espertei mantiven os ollos pechados, escoitaba voces e fixen o durmido un par de horas máis. Es que no se le puede dejar ni un minuto solo, nos vamos a Vigo para que se olvide un poco de la granja y mira tú como acaba… Pasado un tempo decateime de que me esnafrara contra unha das vacas de fibra de vidro do Cow Parade, que durante este verán do 2007 embelecen as rúas de Vigo. Quen sabe…¡se cadra era a vaca da miña vida!

Fotos do Cow Parade en Vigo

Read Full Post »

Habemus alcalde!

Hoxe as 12 da mañá celebrouse no salón de actos do Concello diante dunhas 180 persoas o pleno no que se elixiu o novo alcalde de Maceda. Tra-lo reconto das papeletas de votación, Xavier Oviedo xurou o seu cargo, agradeceu a corporación saínte o seu traballo, ofreceuse a ser un alcalde para todos e animou a tódolos veciños a sumarse a esta nova etapa do noso Concello. Dende aquí ánimo e adiante!

Déixovos aquí o vídeo do discurso.

Máis información en Macedavirtual.com
Fotos do pleno da toma de posesión.

Read Full Post »

Media ducia de horas no coche máis un tempo de desconcerto para atopar onde aparcar e deitar os ósos unha vez rematada a noite… e alí estábamos, gardando cola para gozar do Oeiras Alive Festival.

A primeira tarde presentábase gris (meteorolóxicamente) e acompañámola cun pouco de indiferenza fronte ós Linkin Park, non son unha das bandas que teña seguido pero o certo é que había moitos fans do grupo polas primeiras filas. Penso que o feito de comezar a súa actuación a plena luz do día lles marcou, en realidade excepto contados intres de “singles” coñecidos, o grupo non conectou co auditorio.¿Estaríamos os máis de nós reservándonos para o que se nos viña enriba?
Fíxose a noite e unha música fluída comezou a enche-lo escenario, ó lonxe apareceron os Vedder, Gossard, McCready, Ament, Cameron e compañía… nun só segundo a inmensidade brincaba e coreaba “Corduroy”. A banda estivo soberbia, o Vedder (botella de viño en man) sentíase como na casa, o público entregado… case dúas horas de choutos e berros. Imposible de describir a interpretación do dueto Pearl Jam– público en “Better man” ou a prolongación ata o infinito de “Black”.

Era tempo de pechar o menú e a versión de “Rocking in the free world” de Neil Young era a sobremesa perfecta. En definitiva, como o viño do que o Vedder deu conta, melloran co paso do tempo, e por suposto, están moi lonxe de calquera outra das bandas que se pasearon por Oeiras.

O segundo día ameazaba auga. Un caldeiro de auga fría podería considerar que se me veu enriba coa actuación dos White Stripes, esperaba moito deste dúo de irmáns de Detroit, pero o certo é que en directo deixaron bastante que desexar. Moitas intencións por parte do cantante e guitarrista Jack White, pero notábase a falta dunha banda potente por detrás que o sostivese en moitos momentos da velada. Por suposto a xente coreou o seu himno “Seven Nation Army”, faltaría máis.


E outra auga, desta volta máxica, volveu caer xusto no intre no que os Smashing Pumpkins facían acto de presencia. Do ceo comezaron a caer gotas e notas misturadas coa luminaria e con visións anxelicais. A banda presentouse cunha iconografía semellante a empregada na xira de despedida (lembro Santiago fai xa uns cantos anos) vestidos de branco, coas capas a ondear co aire. A imaxe do inmenso (en tódolos sentidos) Billy Corgan coa capa ó vento aporreando na guitarra é do máis plástico que se puido ver sobre o escenario. Dende aí arriba os Smashing fixéronnos subir e baixar un cento de veces ó seu antollo polas afiadas cumes das súas cancións máis potentes e polos profundos vales das súas baladas… un auténtico camiño de exploración. Ese camiño, que nós esperábamos ver cambalearse co mítico berro “the world is a vamper”, e que o mestre Corgan e os seus anxos transformaron nunha excéntrica curva onde, máis tarde ca cedo, todos camiñamos coreando o seu “Bullet with Butterfly wings”.

Nos comentarios podes ler as crónicas do Dani e do Victor.

Read Full Post »

Non sei cando naceu a miña curiosidade pola túa música, non sei ata que punto a túa poesía me mudou, non sei cantas noites principiei escoitándote no Antro, non sei porque a túa música me pon eléctrico, non sei onde atopar hoxe novas respostas, non sei quen decide que vivas entre barras ou entre estrelas, non sei cando e como me convertín ó dylanismo, non sei porque o futuro non pode ser teu… non sei que día te felicitarei por abrazar ó “sueco literario”.

Dylan

Sei que naciches como Robert Allen Zimmerman, sei que polo teu amor a poesía mudaches de nome, sei que os principios nos nightclubs de Colorado foron duros, sei que a moitos non lles gustou que te puxeses “eléctrico”, sei que ti atopaches moitas respostas no vento, sei que Huracán Carter estaría libre hoxe, sei que o mundo está cheo de dylanianos, dylanitas e dylántropos, sei que che sentaron marabillosamente ben os Modern Times… e hoxe sei que estás de noraboa polo abrazo do Príncipe de Asturias.

Unha canción: Bob Dylan´s dream by Bob Dylan (Lyrics, Letra)

Read Full Post »

Madrugón

Madruguei. Non podía marchar sen verte. Desta volta non foi a madrugada quen me despertou nas túas rúas despois dunha hipnótica noite. Sei que estarás aí o próximo ano, por iso non me doe tanto a ausencia.
Que viva o boi!

O boi allariz

Fotos do boi. Allariz 2007.

Read Full Post »

Despois de moitos anos de traballo e tras un primeiro intento “errado”, os veciños de Maceda decidíronse a apostar polo BNG. A verdade é que unha honra formar parte de ese grupo, traballamos duro durante moito tempo pero o feito de ilusionar de novo os veciños paga de largo ese esforzo.
A partires de agora teremos que seguir mantendo esa ilusión e loitar por mellorar as cousas no pobo, non vai ser fácil nin é unha cuestión a resolver por uns poucos, o reto precisa da implicación de todos.

resulltado elecciones maceda
Máis información en Macedavirtual.com

Eu dende aquí quixera felicitar os meus compañeiros e a todos aqueles que nos apoiaron dun xeito ou doutro. Os meus parabéns teñen que ir tamén para o grupo do PSdG PSOE de Maceda polo traballo realizado e o incremento nos seus resultados. Finalmente o meu respecto tamén para aquela xente do PP que defende e loita polas súas ideas limpa e democraticamente.

Read Full Post »

« Newer Posts - Older Posts »

A %d blogueros les gusta esto: