Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Eu’ Category

O pasado Sábado día 3 de Marzo tivo lugar no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela o Acto de Homenaxe a Francisco Carballo con motivo do Premio “Os Bos e Xenerosos” co que a Asociación de Escritores en Lingua Galega quixo facer un recoñecemento neste ano 2012 ao seu sobranceiro labor a prol da cultura galega.

Na introdución do acto, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo fincapé na labor de iniciador e referente de Francisco Carballo na súa faceta como historiador dunha nación na que, xa en referencias dos seus primeiros estudos, o macedán deixa moi claro que “precisamos librarnos dunha Historia imposta e coñecer a propia Historia de Galicia”. Outra das arestas subliñadas ao longo da introdución foi a súa profunda fe cristiá, sempre dende unha visión crítica coas institucións e fondamente baseada na forza da comunidade “Igrexa é subversión, Igrexa é protesta das inxustizas sociais, Igrexa é oferta de esperanza”.  (máis…)

Read Full Post »

Dous galegos descoñecidos, ás seis da mañá, compartindo confidencias e camiñando baixo o orballo polo Bosque das Meigas. Podería ser perfectamente o comezo dun filme do mestre Hitchcock, pero neste caso é só a imaxe que me gardo do comezo da segunda etapa do meu camiño, Roncesvales – Zubiri.

O galego co que compartín parte do camiño do día, é un peregrino da Coruña que pode contar mil e dúas historias do camiño, todas vividas en carnes propias. O seu amor polo camiño é tan grande que tódolos anos lle dedica un anaco da súa vida. Vida que, por fortuna nesta viaxe, decidiu compartir con nós. Historias como a caída do piso do antigo hotel de Roncesvales, a recomendación de restaurante alí mesmo, a razón do paulatino descenso de camiñantes do Xapón polo Camiño, a razón de ser do monumento ao xaponés Shingo Yamashita, os antigos pasos do Camiño…. Todo isto ademais da información indispensable sobre as etapas do Camiño, os albergues e outras vicisitudes humano- sanitarias. Como se do clásico filme do mestre do suspense se tratase, este home sabe demasiado. (máis…)

Read Full Post »

Saímos ben cedo do albergue Azkorria, Joaquín, David e un servidor. A mañá espertábanos cunha espesa néboa en Saint Jean Pied de Port pero empeñados en escapar dela, subimos, subimos e subimos ata que a néboa se deu por vencida e se rendeu aos nosos pés.

Unha vez superada ofreceunos un espectáculo amoroso sensacional abrazándose a cantas cumes se deixaban ver. Só estas vistas suavizaban as fortes pendentes que nos fixeron suar a gota gorda. Entre ovellas da raza Manech, cabalos percheróns e algunha que outra vaca fomos restándolle metros a uns aproximadamente 24 Km. de ascenso, superando un desnivel de 1.250 m. para acadar unha cota máxima de 1450 m. no Porto do Lampoeder. Ao longo do ascenso uníronsenos dous novos compañeiros de viaxe, Macia e Shane, brasileira ela, irlandés el. Fixemos máis da metade do ascenso xuntos e compartimos alberguen, no final da etapa do día, en Roncesvales.

E se dura foi a subida, máis dura será a caída… ou baixada neste caso. Só 4 Km. de descenso pero cuns niveis que quebraban as pernas. Fiquei sorprendido de ver a xente realmente maior tomando a decisión de facer este tramo, no que unha caída significaría obrigatoriamente o final do seu camiño, cando existe outra alternativa moito menos perigosa. (máis…)

Read Full Post »

Coa noite como única compañeira coñecida agarreime ao autobús da compañía Vibasa que había de dar cos meus osos en Pamplona. Logo dun espectacular concerto de ronquidos e sonidos guturais co que nos deleitou, apenas un par de asentos a miña dereita, o Tipo do Txoco do asento 44, chagamos a Pamplona.

Aínda non abrira o día e nos cafés da cidade a xente xa discutía sobre a vitoria do Osasuna o día anterior. Un café e unha volta sen rumbo fixo, con dirección final de novo na parada de autobuses para facer unha hora e media máis de percorrido pasando por Burguete (Auritz), Roncesvalles (Orreaga) e Valcarlos (Luzaide) para chegar finalmente a Saint Jean Pied de Port.

A espera deu para ler algo de Saramago e para coñecer aos primeiros compañeiros de viaxe, Joaquín de Alicante (ao que xa vira á mañá paseando por Pamplona), David de Sudáfrica, os cataláns Juan, Jesús e Miguel, e un andaluz de Madrid que responde ao nome de Antonio. O coñecemento pronto mudou en cariño logo de sobrevivir a un tramo de estrada dos que non se esquecen. Non sei se sería polo revirado do percorrido, que se mantiña por veces zigzagueando entre puntos fisicamente imposibles de unir cunha liña, ou se sería polo especial coñecemento do terreo do conductor suicida que nos tocou en sorte. Pero o certo é que o vernos liberados de ámbalas dúas hipóteses combinadas fixo que nos unísemos. (máis…)

Read Full Post »

Chegou o momento. Non é que lle dedicase moito tempo á preparación da viaxe, neste caso prefiro ir decidindo sobre a marcha, pero o certo é que a data levaba un par de meses marcada no meu calendario persoal.

Toca arestora acomodar todos os apetrechos na mochila, os mínimos posibles, e botarse o mundo ás costas para camiñar. Un, ao igual que lle ocorre á boa poesía, nunca se da conta da enorme cantidade de cousas prescindibles ás que estamos afeitos ata que realmente procura a esencia das cousas.

Esa procura está hoxe, para un servidor, a preto de oitocentos quilómetros da casa. Para achegarme físicamente a ela, decidinme finalmente pola opción do autobús. Primeiro un Ourense – Pamplona que sae á última hora do día e chega a Pamplona ben cedo. Logo, pasado o mediodía, outro autobús levaranos dende a capital de Navarra ata o punto de partida da viaxe, Saint Jean Pied de Port.

Read Full Post »

Hai momentos que pagan por si sós todo o esforzo que un poida por naquelo que lle gusta. O pasado mes de Xuño os rapaces do ClubDeportivoMaceda xogaron a final da Copa Delegación de Ourense, as lembranzas daquel día non teñen prezo…

 

 

Houbo un día no que nos fixemos grandes.

Chegamos ata aquí sendo uns máis, cada golpe de bombo facía tremer o noso corazón e alentounos a medrar ata facernos grandes, moi grandes.

Porque a grandeza demóstrase nos momentos difíciles como o que nos tocou vivir no campo.

Cando despois de loitar sen descanso, despois de deixar ata o último bafo de alento na procura da vitoria, despois de caer derrotados, somos capaces de felicitar ao gañador e entender que isto é o que fai tan grande ao noso deporte.

As bágoas da derrota non farán máis que regar con orgullo a terra na que hoxe botamos a semente de futuros éxitos.

Cremos en nos mesmos ata o final… e continuaremos crendo.

Forza Maceda!

Read Full Post »

Agora que a temporada peta de novo nas portas do Cardeal Quiroga, preséntovos este vídeo e o texto que o acompaña. Letras e imaxes son o meu regalo para todos aqueles que formaron parte do grupo que levou ao ClubDeportivoMaceda de volta á Primeira Autonómica do fútbol ourensán. Xunto con elas vai o meu desexo para que esta tempada se converta na confirmación do bo traballo feito nos últimos anos e a certificación de que o club estea na máxima categoría do fútbol provincial, que é onde merece estar.

 

 

Para todos os que formamos parte da familia do ClubDeportivoMaceda o 15 de Maio do 2011 foi un día moi especial. Só nós sabemos o que custou este ascenso.

Foron demasiados terceiros postos, demasiadas veces quedándonos ás portas e, aínda así mantivémonos unidos. Por iso temos dereito a saborear este intre máis que ningún outro… temos dereito a lembrar sempre!

Lembraremos que o xeito no que se acadan os éxitos tamén importa, o sabor da vitoria intensifícase e prolóngase infinitamente cando esta é sincera. Porén, no lado oposto, na derrota, tamén hai un podio reservado para aqueles que, con dignidade, apostan polo xogo limpo. Porque a nobreza sempre lle dá valor aos actos humanos. (máis…)

Read Full Post »

O Camiño das estrelas

A de onte foi unha noite perfecta para tomar consciencia de cómo a miña estrela insiste en arrastrarme cara novas posicións. Un non pode máis que marabillarse despois de ver xerminar, sobre o escuro manto do ceo, un espectáculo de movemento lumínico como o das Bágoas de San Lourenzo. Todo se move, aquí abaixo tamén.

Un sentimento de baleiro encheu o meu corpo (que non a alma) e véxome seguindo ás estrelas, camiñando, camiñando sen parar, mesmo que sexa para chegar a ningures. Deste xeito Setembro (pendente de data) e Campus Stellae non serán principio nin fin de nada, máis a consciencia convérteos en necesarios axitadores vitais.

PD. Pois iso, que no mes de Setembro marcharei a facer o Camiño de Santiago. A pé e dende Saint Jean Pied de Port. Agradécense todo tipo de suxestións sobre lugares a visitar ou cousas imprescindibles que facer ao longo da viaxe… ademais intentarei contárvolo en Perturbación Aleatoria.

Unha canción: “The flight of the earls” de Carlos Núñez & The Chieftains

Read Full Post »

Perseidas

A luz dunha estrela non me permite durmir… deixa de susurrar, comeza a berrar.

Read Full Post »

Casaron

Poucas veces un ten a oportunidade de participar activamente na felicidade de dous amigos. Aquí deixo o texto escrito para o día.

” Moi bo día pais, nais, familiares e amigos. Antes de nada quería agradecervos en nome de Marta e Roberto a vosa presenza hoxe aquí para acompañalos nun día tan especial.

A miña avoa sempre dicía que o mellor para vestir é o negro e que, para os días especiais, o mellor é un conto, porque sempre quedan ben con todo.

Así pois, eu hoxe quixéravos contar un pequeno conto; non de princesas, aínda que teña unha aquí ao meu carón, nin de príncipes valentes, aínda que nestes tempos de crise e sabendo que o Roberto é autónomo… xa me diredes. Nin sequera de Castelos encantados, aínda que moitos de nós esteamos encantados de poder volver a pisar as pedras deste Castelo recuperado pola única arma que honra aos que a empregan, a voz do pobo.

Vai logo o conto, que pode soar un pouco escandaloso, pero asegúrovos que non o é. Direivos que o Roberto e máis eu estabamos practicamente en coiros cando me propuxo o do matrimonio, entendédeme , non é que me propuxese xamais que casásemos entre nós, senón que fose eu, no caso de ter saído Concelleiro en Maceda, quen o casase a el coa Marta. Ademais estabamos case en coiros, non por nos pegase un arrebato nudista, senón porque casualmente a conversa tivo lugar na sauna…  creo lembrar que en palabras textuais foi algo así como “ímonos casar, apenas asinar os papeis e irmos cear cos meus pais e os pais dela.” (máis…)

Read Full Post »

« Newer Posts - Older Posts »

A %d blogueros les gusta esto: