Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Arte’ Category

“Historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego”. Con estas verbas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) condensa nun alento o espírito do macedán Francisco Carballo de cara a homenaxe anual, nomeadamente “Os Bos e Xenerosos”, co que este ano quixo premiar ao de Celeirón.

Con cada edición de “Os bos e Xenerosos” a AELG propón “un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión dá nosa cultura”. Neste sentido, sublíñase do historiador macedán, o feito de que coa súa escrita e o seu activismo teña sido referencia á hora de dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia. En destaque figuran, ademais da súa ampla produción de estudos históricos, a labor fundamental como fundador e colaborador habitual de A Nosa Terra ou o episodio de comezos dos 80 cando foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia. (máis…)

Read Full Post »

José Saramago recupera unha pasaxe histórica na corte do rei Juan III de Portugal, que daquelas regalou un elefante ao seu primo o Arquiduque Maximiliano de Austria, para afondar nas intimidades humanas e colocalas nun mundo á medida da maxestosidade dun elefante.

O elefante Salomão (ou Solimão) e a comitiva real son capaces de atravesar Portugal e Castela, navegar polo Mediterráneo, percorrer Italia, cruzar os Alpes e o Danubio e finalmente chegar a Viena, asombrando a todo o mundo alá por onde pasan.  Ao pouco tempo de chegar a Viena, o elefante rematará a súa historia á porta de palacio, coas súas patas sendo empregadas como paraugueiro.

En toda a viaxe o elefante Salomão (ou Solimão) só é un espectador máis, por diante del circulan unha serie de personaxes que tratan de aproveitarse dun inocente animal; os Reis emprégano como regalo porque “non fai outra cousa que non sexa comer e durmir”, os capitáns pensan que é a escusa perfecta para conseguir a gloria militar, o seu guía trata de facerse un oco na corte grazas ás súas especiais habilidades no manexo do paquidermo, o clero matina a súa intervención milagreira para sacarlle beneficio económico e moral…

Segundo o propio autor comentou na presentación do libro na Casa de América en Madrid no ano 2008, “o problema non é que os atentados contra a dignidade do ser humano se fagan cando un morre, senón cando un está vivo”. Neste sentido, a súa crítica amósanos unha sociedade que, ao igual que a que nos toca vivir hoxe, encamiña a aqueles que se manteñen ao marxe, por un sendeiro guiado polas debilidades humanas.

Read Full Post »

Ano 1920. Poder, alcohol, violencia, sexo, apostas, jazz… todo agochado baixo as mudas táboas dun paseo marítimo de Atlantic City, no que soamente o mar é quen de devolver regurxitadas negras historias que conteñen unha verdade sen valor.

Levo meses recomendándolle Boardwalk Empire a todo aquel que se cruza no meu camiño, unha serie da HBO que é un auténtico espectáculo. Apenas é preciso que vexas o capítulo piloto dirixido maxistralmente por Martin Scorsese para que todo aquilo que eu che poida contar se quede en nada.

Deberías deixar todo o que estás a facer agora mesmo e, rapidamente buscar o xeito de ver a primeira temporada. A túa vida podería estar nas mans de calquera, a piques de mudar…

Read Full Post »

Gato por lebre (II)

Era día de despedidas, do verán e dos que retornaban ao choio, así que deixou que caira o lusco e fusco e marchou na procura dos seus colegas. Non era difícil adiviñar que estarían nalgún dos bares do Lugar, un par de intentos errados e á terceira atopou ao seu guía. O bébedo retornado de Schaffhausen que enfiaba saloucos e xúbilos coa máquina comecartos, fíxolle unha descrición exacta da árbore xenealóxica da familia de cada un dos compañeiros buscados. Logo xuroulle polo máis sagrado do mundo – obviamente o viño da eucaristía, murmurou cun sorriso pícaro- que os atoparía nun dos bares rúa arriba, el xamais esquecería a alguén que lle convidou a un viño, ou a dous. Alí estaban, os borrachos non menten.

Uniuse ao grupo e alí mesmo, sentado na beirarrúa do Castillo probou os primeiros sorbos do zume preferido de Dionisos. Branco do Ribeiro, manises e patacas fritidas.

Onde a Tía Isaura, un branco da casa fresco, apenas tirado da pipa para servir na cunca, e un obrigado par de tapas de callos: pór nunha pota os garavanzos, un óso de xamón e outro de cana de tenreira, unha cabeza de allo, unto segundo o leve o corpo (atado nunha gasa para que dea sabor e non se desfaga) e pemento doce, cocer, cando os garavanzos están case cocidos incorpóranse os callos, previamente limpados, cocidos e cortados, unha vez temos todo cocido, engadir un refrito con dous dentes de allo, unha culler de fariña e pemento doce e picante ao gusto, uns minutos máis de cocción e repouso, canto máis mellor. Na casa a xente discutía sobre os cartos que os curas apañaran este ano nos Milagros, segundo algún con boa vista para o tema económico, quedara demostrado que as novas moedas de cincocentas pesetas voaban cunha facilidade asombrosa.

Baixaron voando cara a Diligencia, coa esperanza de cazar unha tarteira grande de paspallás: limpar e chamuscar os paspallás, salpimentar, pasar por fariña e dourar en aceite, retirar, nese mesmo aceite engadir cenoria cortada en rodas, unha cebola picada fina, un par de dentes de allo e pirixel, ao pouco engadimos salsa de tomate, un chorro de viño branco e outro de caldo de carne, incorporar os paspallás e meter ao forno vinte minutos. Pediron e ficaron engaiolados vendo como, ao seu carón, o albanel Xigante que levantaba paredes torcidas remataba por sorber o prebe dunha tarteira de idénticas proporcións á que eles pediran para os seis. Non lles quedou outra que comentar o caso, no Lugar dicíase que era capaz de comer vinte e catro flans se alguén lle apostaba, mesmo despois de fartarse de comer. Tinto de Valdeorras para mollar as ás. (máis…)

Read Full Post »

Levaba tempo na miña mesiña de noite o último libro do amigo Santiago Prol tirado do prelo por Difusora, á espera dunha lectura repousada, co tempo suficiente para absorber unha boa dose de información histórica.

O investigador macedán coloca de novo no mundo a súa vila natal de Maceda, a través dun percorrido histórico polos persoeiros máis egrexios ligados ao Castelo de Maceda e os acontecementos que os marcaron, dende o século XI até os nosos días.

O autor, como ben di no limiar, enfoca a difusión da nómina de persoeiros para un público maioritario e non podo máis que compartir dita idea pois, de quitado algún intre no que o quebracabezas xenealóxico dos da Casa de Maceda intimida ao lector pola profusión de nomes e relacións de parentesco, a obra déixase ler con dinamismo. Mesmo independentemente os capítulos dan unha visión completa de cada personalidade analizada. (máis…)

Read Full Post »

Hoxe… poesía

Seguro que o mundo sería mellor se cada un de nós aumentase a súa dose diaria de poesía.

Hoxe, na longa distancia, a dor fala xaponés e os trebóns das bombas berran ao lonxe. Eu que prefiro as distancias curtas, comecei a descubrir a dor allea do poeta do próximo abril.

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que deberia ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.

 

Acróstico, Poesía última de amor e enfermidade (1992- 1995)

Read Full Post »

Día da toalha

Onte tiven o meu particular día da toalha, non porque dende esta mañá o boneco do Mimosín que vive no meu armario poda chimparse de novo sen medo a crebar a súa suave cara 80 % algodón e 20% poliéster, nin porque o enorme bacalhau calmase un bandullo xa desacostumado á hora de comer dos ricos, unha hora menos en Portugal.

Nen sequera foi porque o meu pai trouxese de novo unha manchea de lembranzas: aquela viaxe no 127 granate da Dilixencia no que pasamos ás escondidas pola alfándega a cama que ata fai ben pouco aturaba os meus soños; outra de como lle pasaron en só 5 minutos, e ao través do río, o televisor Grundig en cor que aquí valía o dobre e que non fai tanto vendeu por pouco menos do que o mercara 20 anos antes; ou mesmo de como en tempos de taxi e inmigración trocaban o diñeiro en Feces de Abaixo, sempre no mesmo curruncho, ese curruncho que despois sempre tiña unha propina esperando na seguinte viaxe.

Foi simplemente porque, totalmente consciente do seu incalculable valor, volvín a atracar unha librería. Cegado por facerme cunha boa ducia de horas de lectura portuguesa,  dei o golpe para logo fuxir acompañado do vital Saramago e disposto, por fin, a iniciar unha necesaria e histórica viaxe da man de Os Lusíadas.

Read Full Post »

Gato por lebre (I)

Atou as súas Jota Jaiber de xeito que estivesen tan pegadas ao seu corpo como os pantalóns negros dos sábados á noite, eses que o traballo diario do campo desaconsellaba a base de apertar as súas partes nobres. A camisola dos Guns N`Roses, solta e por fora, apenas disimulaba a barriga cervexeira traballada en tardes de bares e noites de quentes conversas e frescos gin tonics.

 

O regreso ao Lugar fora traumático. Con 16 anos, deixar o seu Eibar natal e instalarse cos seus pais xubilados no paraíso dos veráns, era máis duro que calquera canción dos AC/DC. O seu carácter, forxado ao carón dos Altos Hornos que o seu pai atizaba de luns a venres e atravesado polas mil puntadas da máquina Alfa á que a súa nai facía botar lume (sábados e domingos incluídos), era incapaz de entender aquela xogada do destino.

Agora instalado na trintena as cousas cambiaran, sentíase a gusto coa xente do Lugar e gustábanlle especialmente as noites de verán tardío coma a de hoxe, nas que se xuntaba cos seus amigos da infancia que continuaban a ter Galiza coma o seu destino preferido de vacacións.

Continuará…

Unha canción: Back in black de AC/ DC (Lyrics, Letra)

Read Full Post »

Tetris eólico

A principios de mes celebrouse na Tecnópole o I Concurso Fotográfico “Tecnoambiental”, unha iniciativa para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente.

Esta é a fotografía coa que participei, titulada Tetris eólico, e na tratei de xogar coas liñas e volumes por unha parte e cos reflexos dun aeroxerador pola outra.

Podedes ver o resto das fotos do concurso no flickr da Tecnópole.

Read Full Post »

Escribir para nenos sen caer no ridículo aos ollos do mundo adulto é unha empresa complexa. O camiño da simplicidade complícase con cada nova palabra e as flores moralizadoras das beiras adoitan a murcharse ás primeiras de cambio. É algo que eu non che sabería explicar, pero coñezo a vello amigo que…

Read Full Post »

Older Posts »

A %d blogueros les gusta esto: