Poucas veces un ten a oportunidade de participar activamente na felicidade de dous amigos. Aquí deixo o texto escrito para o día.
” Moi bo día pais, nais, familiares e amigos. Antes de nada quería agradecervos en nome de Marta e Roberto a vosa presenza hoxe aquí para acompañalos nun día tan especial.
A miña avoa sempre dicía que o mellor para vestir é o negro e que, para os días especiais, o mellor é un conto, porque sempre quedan ben con todo.
Así pois, eu hoxe quixéravos contar un pequeno conto; non de princesas, aínda que teña unha aquí ao meu carón, nin de príncipes valentes, aínda que nestes tempos de crise e sabendo que o Roberto é autónomo… xa me diredes. Nin sequera de Castelos encantados, aínda que moitos de nós esteamos encantados de poder volver a pisar as pedras deste Castelo recuperado pola única arma que honra aos que a empregan, a voz do pobo.
Vai logo o conto, que pode soar un pouco escandaloso, pero asegúrovos que non o é. Direivos que o Roberto e máis eu estabamos practicamente en coiros cando me propuxo o do matrimonio, entendédeme , non é que me propuxese xamais que casásemos entre nós, senón que fose eu, no caso de ter saído Concelleiro en Maceda, quen o casase a el coa Marta. Ademais estabamos case en coiros, non por nos pegase un arrebato nudista, senón porque casualmente a conversa tivo lugar na sauna… creo lembrar que en palabras textuais foi algo así como “ímonos casar, apenas asinar os papeis e irmos cear cos meus pais e os pais dela.”
E hoxe?. Hoxe estamos aquí… cantos?, uns setenta?. Hoxe a Marta vai “blanca y radiante” como vai ela sempre pola vida, o Roberto semella un galán dun filme dos sesenta, as nais teñen á man o seu pano par ir enxugando esas primeiras bagoíñas que comezan a asomar, un servidor oficia este acto rodeado dunha manchea de flores, e nun par de horas todos estaremos meténdolle o dente a canto bicho Milagrosamente nos poñan enriba da mesa. Cámbiache o conto…
O certo é que a vida ensínanos cada día como cambian as circunstancias e como poucas cousas permanecen eternamente. Eu acostumo a fixarme naqueles que son expertos nalgún arte para que cando o momento o require, como é o caso, poder saír airoso. Así que cando me propuxeron escribir un par de parágrafos para os noivos, acudín a un coñecido que detrás das súas negras gafas de pasta ten desenvolvido toda unha Teoría do Amor.
Tirando das súas palabras e da Filosofía Indutiva, un servidor, que non é moi docto en temas amorosos, pode finalmente ofrecerlles un consello eterno a este par de amigos e hoxe tamén noivos. Velaquí:
”Amar é sufrir. Para evitar o sufrimento, un non debe amar. Pero entón, un sofre por non amar. Por iso, amar é sufrir, non amar é sufrir, sufrir é sufrir. Ser feliz é amar, ser feliz, entón, é sufrir, pero sufrir fai infeliz a un, polo tanto, para ser infeliz un debe amar, ou amar para sufrir ou sufrir por demasiada felicidade.” (Love and Death, Woody Allen)
Estou seguro, Marta e Roberto, de que entendestes perfectamente o que significa amar, e máis seguro estou de que seredes felices xuntos… moita sorte!”
No Castelo de Maceda, a 23 de Xullo de 2011
Pues…qué bonito!!
Graciñas María. Cando precises, xa sabes…