Nesta miña actual teima de coñecer máis de preto a diferentes persoeiros de Maceda, pérdome hoxe entre as follas da obra Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República. Deste xeito achégome non só ó macedán protagonista do volume senón tamén ó seu autor Santiago Prol, unha das persoas que máis ten traballado na recuperación da memoria histórica do noso pobo.
Persoalmente penso que un dos atractivos do libro é a súa riqueza documental, Santiago Prol non se limita a facer un retrato do poeta e galeguista macedán, senón que ademais pon á nosa disposición toda unha serie de documentos e escritos que facilitan enormemente o coñecemento do Parente poeta e persoa.
Como macedáns tamén nos resultaran tremendamente atractivos ós primeiros capítulos nos que se retrata o ambiente e a sociedade macedá de principios do século XX. Deste xeito sabemos do seu nacemento nunha familia acomodada, da súa amizade con Benigno Álvarez ata a chegada da II República, dos seus mitins en Maceda e pola Limia xunto con Alexandre Bóveda (do que máis tarde se separaría ideolóxicamente)… Para os que gustamos da literatura ambientada na II República e os primeiros anos do franquismo constitúe un doce difícil de resistir.
En capítulos posteriores Santiago Prol amósanos a importancia de Xosé Lois Parente dentro da dereita galeguista ourensá, e a súa total confianza nas teses mantidas por Vicente Risco. O levantamento militar levaríao a cambiar de residencia en varias ocasións; Asturias, Aragón… sempre debido ó seu traballo como funcionario de Telégrafos. Coméntase tamén o expediente aberto durante esta época polo seu pasado republicano, que finalmente non tería maiores consecuencias. A súa curta vida cortouse durante o ano 1948, anos de postguerra e fame, tempos duros para un pensador e poeta.
Despois da súa morte os recoñecementos multiplicáronse e aparece citado en numerosos tomos e historias da Literatura Galega, diarios e revistas culturais. A calidade da súa obra ficará tamén na nosa memoria, pois a derradeira parte do libro de Santiago Prol é unha escolma da súa poesía, tanto en galego como en castelán. Porén a súa lectura será, sen dúbida, o mellor recoñecemento
grazas por este recuncho de cultura, de reflexión,
grazas por recordarnos, a algúns de nós, autores que tiñamos no segundo caixón da mesilla e que non estaría nada mal que voltásemos ler.
grazas por tentar que as mentes non se durman, ou que non sigan durmidas,
grazas pola páxina, é un gran descubrimento.
A teima está en transcender aos nosos fillos sobranceiros ao País [á nómina é inmensa]. Que axudedes con esta ferramenta, fai que sigamos a traballar sen tregua pola dignificación de Maceda e dos Nosos. Beizón polas xenerosas verbas ao blogueiro e parabéns pola bitácora que se afasta do convencional.
Graciñas Ainhoa e Santi, verbas como as vosas sácanlle o sorriso (e as cores) a calquera. Espero que sigades a mirar a través desta fiestra.
Un abrazo.
OLucas: Comentario en resposta á “muller ladilla”. Os seus desprecios e insultos non merece a pena que manchen este sitio.
que triste é esconderse debaixo dun nome para insultar a xente¡¡en fin, o mellor que se pode facer e ignoralos¡¡
[…] vangardista bitácora do douto amigo Lucas Domínguez amosa unha consigna que sempre nos gorentou [Perturbación Aleatoria. A realidade é un erro froito […]