Contan que era o Chispún un home de xeneroso corpo. Eran, e son, xenerosas tamén as portas do local de baile que rexentaba e que co tempo remataría por levar o seu propio nome “O baile do Chispún”.
Un local no que a mocidade macedá facía as mesmas cousas que fai hoxe nos botellóns ou no Delirium, que é o mesmo que facía dez ou quince anos atrás no Mismo ou no Albanta.

Fotos do Serán Maceda 2008 en concellodemaceda.org
Era cousa coñecida na vila a deficiencia lumínica do local. A certas horas, xa avanzada a tarde, aquel enorme espazo alumado por unha soa lámpada de 25 voltios deixaba ver só o necesario… as veces incluso menos. Disque este era un dos engados do “Baile do Chispún” e, ó mesmo tempo, unha das maiores preocupacións das “madres” do pobo con fillas en idade casadeira.
Din que un día calquera dun mes de abril da década dos setenta, coa coresma recén rematada e lusco e fusco apoderado do ceo macedán, unha “madre” preocupada achegouse para ver que era o que facía a súa filla tanto tempo metida no “Baile do Chispún”. O dono, como era costume a esas horas, xa pechara os grandes portóns do local e deixara unicamente unha pequena porta aberta. A señora, namentres comezaba unha interesada conversa co Chispún, esforzábase para que a súa vista se coase no interior. Para iso, obrigada polo seu interlocutor, deseñaba as máis incribles posturas. El, coñecedor das intencións da “madre”, colocaba estratexicamente a súa farturenta panza impedindo así a mínima visión do que dentro acontecía.
Cando a conversa sobre o tempo e os contos do pobo non deron para máis, o Chispún, tratando finalmente de tranquilizar á “madre”, díxolle:
- Tranquila muller que eiquí non lla foden.
A muller virou a cabeza, viu como un par de parellas que saíran do local baixaban aloumiñándose por un carreiro cara o río, e chea de razón contestoulle:
- Foder non a foderán… ¡pero elle moi boa preparación!
Anotado en Arte | Non hai comentarios »









