Dous galegos descoñecidos, ás seis da mañá, compartindo confidencias e camiñando baixo o orballo polo Bosque das Meigas. Podería ser perfectamente o comezo dun filme do mestre Hitchcock, pero neste caso é só a imaxe que me gardo do comezo da segunda etapa do meu camiño, Roncesvales – Zubiri.

O galego co que compartín parte do camiño do día, é un peregrino da Coruña que pode contar mil e dúas historias do camiño, todas vividas en carnes propias. O seu amor polo camiño é tan grande que tódolos anos lle dedica un anaco da súa vida. Vida que, por fortuna nesta viaxe, decidiu compartir con nós. Historias como a caída do piso do antigo hotel de Roncesvales, a recomendación de restaurante alí mesmo, a razón do paulatino descenso de camiñantes do Xapón polo Camiño, a razón de ser do monumento ao xaponés Shingo Yamashita, os antigos pasos do Camiño…. Todo isto ademais da información indispensable sobre as etapas do Camiño, os albergues e outras vicisitudes humano- sanitarias. Como se do clásico filme do mestre do suspense se tratase, este home sabe demasiado.
Os primeiros quilómetros da etapa son especialmente gozosos pois, logo da manchea de ascensos e descensos do día anterior, este primeiro tramo pasando por pobos como Burgute, no que parece que pescaba Hemingway, Espinal, Bizcarreta ou Lintzoain, dálle ao camiñante a posibilidade de asombrarse coa ben conservada arquitectura navarra.

O Camiño descorre logo por un tobogán continuo de subidas e baixadas, cunha pendente controlada. Apenas ao final da etapa, un descenso máis pronunciado que nos conducía ata Zubiri, castigou as nosas pernas e costas, acumulando aos 24 Km. do día á durísima etapa de Saint Jean Pied de Port.

Seguindo as recomendacións do HQSD , aloxámonos no albergue Zaldico, boas camas, habitacións para oito persoas e un trato excelente e familiar da súa dona por 10 €.
Para rematar e logo de escoitar a historia de cómo, séculos atrás, os peregrinos eran obrigados a lavarse baixo da ponte do pobo antes de entrar en Zubiri por medo a que contaxiaran a rabia, sentímonos obrigados ao perceptivo baño no río, debaixo da Ponte da Rabia. O HQSD púxonos o mel nos beizos, o bo tempo e as ganas de refrescar o noso maltratado corpo fixeron o resto.
