Coa noite como única compañeira coñecida agarreime ao autobús da compañía Vibasa que había de dar cos meus osos en Pamplona. Logo dun espectacular concerto de ronquidos e sonidos guturais co que nos deleitou, apenas un par de asentos a miña dereita, o Tipo do Txoco do asento 44, chagamos a Pamplona.

Aínda non abrira o día e nos cafés da cidade a xente xa discutía sobre a vitoria do Osasuna o día anterior. Un café e unha volta sen rumbo fixo, con dirección final de novo na parada de autobuses para facer unha hora e media máis de percorrido pasando por Burguete (Auritz), Roncesvalles (Orreaga) e Valcarlos (Luzaide) para chegar finalmente a Saint Jean Pied de Port.
A espera deu para ler algo de Saramago e para coñecer aos primeiros compañeiros de viaxe, Joaquín de Alicante (ao que xa vira á mañá paseando por Pamplona), David de Sudáfrica, os cataláns Juan, Jesús e Miguel, e un andaluz de Madrid que responde ao nome de Antonio. O coñecemento pronto mudou en cariño logo de sobrevivir a un tramo de estrada dos que non se esquecen. Non sei se sería polo revirado do percorrido, que se mantiña por veces zigzagueando entre puntos fisicamente imposibles de unir cunha liña, ou se sería polo especial coñecemento do terreo do conductor suicida que nos tocou en sorte. Pero o certo é que o vernos liberados de ámbalas dúas hipóteses combinadas fixo que nos unísemos.
Nada máis aterrar, verbo imprescindible neste caso, en Saint Jean Pied de Port procuramos albergue en grupo. Seguindo ás “guías especializadas” dirixímonos ao albergue público, rexentado polo concello e máis unha asociación de amigos do Camiño. Alí, na Rue da Colegiatta 55, mandáronnos un par de portais máis abaixo para facer a solicitude. Eses 5 minutos de tempo perdidos impediron que puidésemos entrar todos no Albergue Accueil Pelerin a 8 € con almorzo. Así que Joaquín, David e mais eu marchamos “rue” abaixo até o número 40. Un pequeno albergue recen remodelado, limpo e con só 4 hóspedes por habitación (nós os 3 e un italiano que chegou a última hora… sen equipaxe gracias a Air Berlín). Prezo 14 €, o almorzo 4 € máis. Ao final almorzo do Carrefour…

Durante a tarde deunos tempo para darlle unha volta ao pobo, apestado de turistas de autobús e agasallo. Visitas obrigadas á catedral, a colexiata (mellor dito os arredores porque non se permite a entrada), a rúa dos artesán (que cada día deben ser menos en detrimento das tendas para que os do autobús merquen os seus regalos), e a cárcere dos bispos, da que impresiona a bóveda subterránea e a historia do cisma de occidente e de como que foi cárcere e vivenda de bispos. Non para privar de liberdade aos cargos relixiosos que nin agora, nin moito menos daquela, pagaban polos seus pecados.
Para rematar unhas cervexas e uns spaghetti á boloñesa que nos permitan cargar forzas. Mañá ás 6 da mañá comeza o bó… a camiñar!
