Chegou o momento. Non é que lle dedicase moito tempo á preparación da viaxe, neste caso prefiro ir decidindo sobre a marcha, pero o certo é que a data levaba un par de meses marcada no meu calendario persoal.
Toca arestora acomodar todos os apetrechos na mochila, os mínimos posibles, e botarse o mundo ás costas para camiñar. Un, ao igual que lle ocorre á boa poesía, nunca se da conta da enorme cantidade de cousas prescindibles ás que estamos afeitos ata que realmente procura a esencia das cousas.

Esa procura está hoxe, para un servidor, a preto de oitocentos quilómetros da casa. Para achegarme físicamente a ela, decidinme finalmente pola opción do autobús. Primeiro un Ourense – Pamplona que sae á última hora do día e chega a Pamplona ben cedo. Logo, pasado o mediodía, outro autobús levaranos dende a capital de Navarra ata o punto de partida da viaxe, Saint Jean Pied de Port.
