Entrei no mundo de David Rubín pola porta de atrás, co ritmo de Lamatumbá batanando nos meus oídos e os berros de Lume! iluminando a rota oceánica que conduce ó seu universo de papel tintado.
Pasar cara dentro de La tetería del oso malayo foi toda unha experiencia: coñecer a Sigfrido, deixarse arrastrar polos seus sabios consellos de psicólogo feito a si mesmo por amarguras, rabias e frustracións lanzadas dende o outro lado da barra; compartir licores varios con personaxes rotos, heroes sen heroína á que sacar de apuros, amantes forzados a esquecer o que significa amar; descubrir que un non é o único, nin sequera o último, nesta carreira que nos arrastra cara a construción da nosa propia vida…

Agora tódalas semanas fago De tripas corazón e doume un paseo á beira do seu torrente de tinta e das paredes do meu cuarto colgan heroínas de tinta ás que a morte pilla por sorpresa… ademais o meu amigo vermello da Laponia xa ten no seu peto o encargo do próximo Caderno de Tormentas.