As maus do Cristo
Entre as vilas ourensáns, Maceda disfroita dun incomparable hourizonte de montanas. Rubindo dos vales baixos e quentes onde o sol do vran vai criando ca súa misteriosa alquimia os zumes da uva, deixando os cotos cobertos pola enxoita pínica i o tremor dos amieiros encol do derradeiro salaiar das correntes que morren no Miño, figura que chegamos a outro mundo de espalladas chairas, de aires galopantes de cumes, de augas virxes e rexos vivires montesíos. E o mesmo tema do paisaxe natural e humán da Galiza istromentada an andante sinfonía pastoril.
En Maceda a vista vai apalpando con ledicia a carne de pedra da serra forte, sinxela, indiferente, mais pra que a mira con amor e comprensión, sensetiva e delicada, pois sabe recoller o pasar dunha nube máis levián, xoga tódalas mañáns cas brétemas saudosas do abrente, e de súpeto no centileante raiolar das doce, cando tódolos fumes campesíos reben como orazós i as longas badeladas das eirexas va cobrindo de circos vibradoiros o paisaxe, a serra ispirada por unha grave ensoñaceón cósmica enruga o entrecello e viste o frente de néboas cavilosas. No inverno a serra branca de neve déixase recorrer pola súa pureza irmán do luar e na primaveira aserra canta cas mil voces, en coro, dos regueiros. Ó pe dos montes a gandra erma e penitente soilo se anima co ledo barroquismo do santuario dos Miragres e co levián frorecer das ericas.
No outono da vila o castelo arróinase mainamente. Xa a rexa porta feudal non impón respeto a ninguén i as vexetaciós da campía ínzanse ceibes entre as xuntas das pedras. Soilo unha grande lembranza histórica: a de Alfonso o décimo de Castela, León e Galiza. O supremo esprito da Edade Media pra quen foron estreitos os marcos dos reinos de S. Fernando pois era merecente da augusta coroa ecuménica do Sagro Humano Imperio. O maltratado por tódolos historiadores da vista baixa polo estilo co cativo clásico da historia que se chamou Juan Mariensa, polos que non souperon estimar a fondura do autor das “Partidas”. Eiquí, niste castelo, foi criado. Seus xogos de neno animaron este homilde chan, que agora pisamos. Seu ollar adeprendeu fortaleza i espranza na exempraridade da cabeza de Manzaneda, i eiquí bebeu nas fontelas da língoa galega, armoñosa e sotil, xogantina e manciñeira pra nela traballar os poemas queridos do seu corazón: as Cantigas de Sta. María.
As montanas i o Rei Sabio son grandes presenzas. Hai outra que no seu simbolismo impresoa máis fondamente. No outo do feiral érguese un cruceiro. Parece nado e frorecido, como un albre do penedo. Arredor do fuste elegante, do requintado capitel, dos brazos da cruz, a escultura traballou a historia do pecado, a traxedia da Pasión i a dor da Virxe Nai. Coma noutros santos cruceiros galegos, bretóns, irlandeses. Mais niste de Maceda unha chispa do ceo trazando súa serpe de centela, desfixo ó Cristo crucificado. Soilo ficaro as maus de pedra cravadas á pedra da cruz, i alí están pra sempre as probiñas, tráxicas, doridas, exemprares, máis impresoantes que tódalas esculturas que se poidan soñar, sacrificadas polos homes mortos, viventes de nacer, pola aldea i a cibdade, polos paganos e polos xudeos, no vastro consolo dos grandes hourizontes montesíos, do vento das cumes, do corazón homilde das aldeas labregas.
Publicado orixinariamente en Vida Gallega, Galicia 1930, nº 456
Extraído de Prosa miúda, artigos non coleccionados (1927-1934). Ramón Otero Pedrayo. Ediciós do Castro.
P.D. Xoán, obrigado polo artigo.
Fermoso, grazas