Adeus John Balan
20 Marzo 2008 por OLucas
Mil veces, en soños infantís, pensamos ser vaqueiros no afastado oeste. Exercemos coma demiúrgos de ducias de figuriñas de plástico que cabalgaban sen descanso polos montóns de area das obras que se construían en Maceda no comezo dos 80. As catro da tarde dos sábados era hora sagrada fronte ó televisor, e John Wayne o noso mellor compañeiro nestas aventuras de cabalos, trens e disparos.
Pasou o tempo e aqueles soños foron substituídos por outros, ficaron no baúl do esquecemento… ata que anos máis tarde apareceu el. O “home orquestra”, o galego máis texano da historia, un home capaz de falar un perfecto inglés sen ter nin idea do que dicía, un home capaz de crear e interpretar tódalas personaxes da súa propia historia. Toda unha icona da recente historia audiovisual galega. Lembro as súas actuacións dos 80 na TVG, nun escenario completamente nu, amarrado a súa porta, e cun micro como única arma.
Hoxe marchou Jonh Balan, máis estou seguro de que metido no cadaleito continúa a repenicar coa súa man dereita para facer o baixo, e coa súa “man tonta” para tocar a batería…