Ía calor, moita calor. A miña idea dun día perfecto de verán distaba moito de aquelo. Nin sombra, nin carballos, nin o son do río petando nas rochas. Pola contra Samil, puro sol na caluga, berros de rapaces e música dos “Cuarenta”. Porén, o peor de todo, era ter que compartir o meu metro cadrado de fervente area con outros catro ourensáns, prototipos de persoas coas que na miña vida arranxaría unha conversa na “terra da chispa”. Ás veces un ten que aguantar cousas ben duras para contentar á parenta.
Era media tarde e rematárase a Nivea solar ( ela empregaba protección total, era branca como o leite), a oportunidade perfecta para fuxir por un tempo daquel inferno. Non te preocupes nena, lle dixen, achégome a mercar outro bote ata a cidade. Non sexa que te vaias queimar. Gracias cariño, no sé que haría sin ti. Xa me estaba sabendo a cervexiña, fresca, con esa escuma mordéndome nos beizos. Puxen cara de sufrimento polo trastorno que me causaba ter que facer o recado, e marchei pola area adiante, pousando os pés por derradeira vez naquela grella humana.
Subín ó coche, amaba profundamente o meu Opel Kadett 1.3. Diesel. Mais nese intre, non foi o amor o que fixo que me quentase aínda máis, senón a carencia absoluta dos tan publicitados extras. Queimaba. Baixei as fiestras e puxen o máximo o “aire fresco”, tamén queimaba. Apurei todo o que puiden para que algo de aire viñera ó encontro co meu corpo. Suor. Cen voltas para atopar onde aparcar. Máis suor.
Camiñaba paseniño pola Porta do Sol (omnipotente Lorenzo)cando me mirou. Estaba sentada, relaxada. Cravoume os seus ollos. Coma sempre, tímido, fuxín coa mirada a outra parte. Novo depósito 10, TAE 4,30 %, lembro ter lido. Esa mirada fixo subir aínda máis a miña temperatura. Dobrei a esquina e alí estaba outra vez, esperando por min. Ás presas pasei por diante dela, miroume. Non dixo nin mu. Entrei nunha cervexería. Unha cervexa, por favor. Un trago. Pode pórme outra, se fose tan amable. Dous tragos.
Intranquilo, sen saber moi ben porqué, comecei a correr. Agora non suaba, era unha fonte salgada. Baixei cara o porto, detrás duns arbustos do Areal volvín sentir como me seguía. Tan só dez segundos máis tarde xa a podía ver no seguinte cruce. Suor. Subo cara Príncipe e atópome de fronte con ela. Na rúa paralela, unha vez máis. As miñas pernas compiten entre si por da-la seguinte zancada, a competición remata cos meus ósos non chan. Non lembro nada máis ata un par de días despois, xa na casa.

Cando espertei mantiven os ollos pechados, escoitaba voces e fixen o durmido un par de horas máis. Es que no se le puede dejar ni un minuto solo, nos vamos a Vigo para que se olvide un poco de la granja y mira tú como acaba… Pasado un tempo decateime de que me esnafrara contra unha das vacas de fibra de vidro do Cow Parade, que durante este verán do 2007 embelecen as rúas de Vigo. Quen sabe…¡se cadra era a vaca da miña vida!